O fiscal xeral do Estado, Cándido Conde-Pumpido, vén de avaliar satisfactoriamente a decisión da Audiencia Nacional de impedir a investigación do asasinato do cámara galego Xosé Couso. Desde a familia lémbranlle que el mesmo defendera uns criterios xurídicos moi diferentes cando era maxistrado do Tribunal Supremo nun caso similar e critican que se peche o caso.
"Incumpriuse o deber do ministerio público de garantir a defensa dos dereitos dos cidadáns e o cumprimento da lei", láianse os parentes de Xosé Couso, denunciando que se obstrúa "de forma sistemática o desenvolvemento das investigacións xudiciais que instruía o xulgado centra de instrución número 1 da Audiencia Nacional contra tres militares estadounidenses".
Segundo a familia, a decisión baséase en negar que o asasinato de Couso constituíse un crime de guerra argumentando que a xustiza española carece de xurisdicción e denuncian "a parcialidade, inconcreción e escasa fundamentación do auto" que quedarían patentes no propio relato que fai dos momentos previos ao ataque estadounidense ao Hotel Palestina, onde estaba Xosé Couso no momento en que o asasinaron. Ao tempo, aseguran que a fiscalía xeral do Estado "asinou a paz" ao respecto deste asunto decidindo o seu peche nunha visita realizada por representantes españois aos seus homólogos estadounidenses en outubro de 2005.