O metro cadrado de solo urbano baixou un 0,6% entre xaneiro e marzo.
Frea a escalada de prezos da vivenda / Foto: Tae Sandoval
O prezo medio da vivenda libre subiu no Estado un 7,2% no primeiro trimestre do 2007. Segundo os datos que facilitou a ministra de Vivenda, María Antonia Trujillo, confírmase a desaceleración na suba dos prezos. Cando botou a andar o ministerio, hai tres anos, o aumento era do 18,4%, polo que a progresión diminuíu en máis do 60% nese período.
A moderación do custo da vivenda veu acompañada dun lixeiro descenso do prezo do solo. O metro cadrado nos municipios de máis de 50.000 habitantes abaratouse un 0,6% nos tres primeiros meses do ano. Ademais, o número de vivendas protexidas iniciadas no Estado en 2006 superou as 95.000 unidades, a cifra máis alta dende 1987.