Máis dun cento de empregados das auxiliares das Pontes e Meirama concentráronse ante a Xunta para pediren a fin da discriminación respecto a outros mineiros.
Por riba do centenar de traballadores das empresas auxiliares das centrais mineiras das Pontes e Meirama maniféstanse este xoves nas inmediacións de San Caetano, sede da Xunta en Compostela, para reclamaren alternativas aos despedimentos polo peche das minas, previsto para finais deste ano, así como a recolocación dos empregados noutras empresas, tal e como vai suceder cos operarios das empresa principal.
Os manifestantes, convocados pola Asemblea de traballadores e secundados pola CIG, concentráronse á primeira hora da mañá, cando iniciaba o Consello desta semana, e provocaron cortes puntuais do tráfico na rotonda de San Caetano. Ademais, lanzaron sonoros petardos e baleiraron tres sacos de carbón fronte á Xunta, baixo a atenta mirada dun importante despregamento policial.
Igual trato ca o resto
O secretario comarcal da CIG na Coruña, Paulo Carril, explicou en declaracións aos medios que os traballadores reivindican "o mesmo trato que recibe calquera traballador de calquera mina do resto do Estado", tras o cal sentenciou que "non está xustificada a discriminación" aos empregados das empresas auxiliares de Limeisa e Endesa, en Meirama e As Pontes, respectivamente.
Así, pediu que parte dos traballadores sexan incorporadas ás empresas principais "para ser oportunamente prexubilados", e que os que non reúnan os requisitos necesarios para iso, "sexan recolocados nas empresas que se instalen de acordo ao Plan Miner nos municipios de Cerceda e As Pontes".
Ministerio de Industria, último responsábel
Carril solicitoulle ao presidente do Goberno, Emilio Pérez Touriño, "que faga valer" as súas reclamacións ante o Ministerio de Industria, ao que considerou "último responsábel do que está a suceder". De todos os xeitos, tamén culpou a patronal do carbón e aos sindicatos CC OO e UXT por asinar en 2006 un Plan Miner "que non recoñece os dereitos e reivindicacións" dos traballadores das empresas auxiliares.
Nese mesmo sentido, lamentou o comportamento de Endesa e Limeisa, das que dixo que "pretenden non asumir ningún tipo de compromiso ante o peche das minas", malia "se enriqueceren a custa da explotación do carbón e espoliar os recursos naturais".
Criminalización dos traballadores
Pola súa parte, o voceiro da comunidade de delegados das empresas auxiliares de Endesa As Pontes, Xosé Díaz Pena, desvinculou das mobilizacións os ataques que se produciron contra as sedes dos sindicatos CC OO e UGT nas Pontes. "Non se pode pretender criminalizar aos traballadores", resumiu, tras asegurar que os empregados "nada teñen que ver cos feitos", que aproveitou para condenar.