A estrada As Pontes-Ferrol estivo bloqueada preto de dúas horas, e a que une Ordes con Cerceda, unha hora e media.
Os traballadores da folga da minaría auxiliar de Endesa As Pontes e de Limeisa en Meirama (Cerceda) realizaron esta corta feira novos cortes de tráfico na entrada ás centrais térmicas de ambos os dous municipios, no marco do paro laboral de 72 horas en demanda de garantías laborais tras o peche da mina a finais de 2007.
As protestas foron convocadas por unha coordinadora de traballadores, e están apoiadas pola CIG. Nin CCOO nin UXT secundan as mobilizacións.
No caso das Pontes, o tráfico estivo cortado, por segunda vez no día, entre as 13.15 horas e as 15.00 horas, na estrada AC-861, entre As Pontes e Ferrol, na entrada á central térmica de Endesa.
200 traballadores en Meirama
Máis de 200 operarios das empresas auxiliares da mina de Limeisa realizaron un corte na circulación na estrada entre Ordes e Cerceda, ante a factoría da central térmica de Unión Fenosa.
Este prolongouse durante hora e media, dende as 15:30 horas até as 17:00 da tarde, en coincidencia co cambio de quenda correspondente dos traballadores da empresa principal. A protesta provocou retencións no tráfico e dificultou, segundo a Policía Local de Cerceda, a entrada dos traballadores á factoría.
Mesmos dereitos que as empresas principais
As mobilizacións enmárcanse no segundo día do paro laboral de 72 horas realizado polos traballadores das empresas auxiliares de Endesa As Pontes e Limeisa en Cerceda.
Demandan un plan de recolocacións e prexubilacions similar ao desenvolvido para os traballadores das empresas principais, ante o peche previsto da actividade extractiva a finais deste ano.