A falta de danos físicos demostrábeis nos cincuenta e catro corredores implicados axudou ao sobresemento de Eufemiano Fuentes e dos outros sete acusados.
Fuentes tiña mostras de sangue na súa casa
O xuíz Antonio Serrano arquivou o caso por considerar que non existen indicios de delito contra a saúde pública. Segundo o maxistrado, aos procesados non se lles pode aplicar a nova lei antidopaxe xa que, cando se instruíu o caso en maio de 2006, aínda non estaba regulada. Deste xeito, os oito imputados quedan sen cargos xa que “non puxeron en perigo a vida dos corredores” e non se valora se existiu dopaxe ou non.
Foi o 23 de maio de 2006 cando no desenvolvemento da ‘Operación Puerto’ foron detidos Eufemiano Fuentes e José Luis Merino Batres, os técnicos Manolo Saiz e Ignacio Labarta, o ex ciclista de montaña Alberto León, o director técnico Vicente Belda e os médicos Alfredo Córdova e Yolanda Fuentes.
Entre os ciclistas afectados pola operación atopábase, segundo a Garda Civil, Marcos Serrano, por aquel entón no Astana-Würth e hoxe no Karpin Galicia. O de Chapela non puido participar no Tour do 2006 logo de que a organización da proba lle negase a inscrición aos cincuenta e catro corredores implicados.