Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
[CICLISMO]

Marcos Serrano: "Non teño que lavar a miña imaxe, o que quero é correr"

O Karpin Galicia xa ten o seu nome de referencia. Marcos Serrano foi presentado este venres como xefe de filas do proxecto galego. Logo de catorce anos como profesional, o ciclista redondelán asume por primeira vez o liderado dun equipo. Aínda así, sinala que ten que demostrar na estrada o peso dos seus galóns e que está disposto a trasladar a súa experiencia aos corredores máis novos do conxunto. Non cre que teña que lavar a súa imaxe logo da operación Puerto e insiste en que o que quere é competir.

- 09:19 27/11/2006
Tags:

A súa fichaxe polo Karpin Galcia converteuse nunha das 'telenovelas' do verán: "Non me dá medo dicilo. A Operación Puerto, na que o meu nome se viu implicado influíu e até que nas resolucións xudiciais se vise que non tiñamos nada que ver, pois claro, é normal que alguén tivese dúbidas". Segundo Serrano "toda esta confusión foi provocada máis por un medio de comunicación (El País, As) que polo propio xulgado".

Xefe de filas do equipo
Está chamado a ser o xefe de filas do Karpin Galicia e non escapa da súa condición de líder. "Evidentemente serei a cabeza visíbel do equipo pero logo iso terei que demostralo. Teño claro que este medio ano en que estiven parado fíxome perder o que levaba estes anos conseguido. Agora o que quero é conseguir un novo gran triunfo". Serrano, que afronta este reto despois de catorce tempadas como profesional, asegura que "neste equipo hai moitas cousas que facer e levar a cabo, e sempre que comezas un novo proxecto con novas bases gusta estar nel, e máis se é da túa casa".

Á hora de valorar a potencialidade do novo conxunto asegura que o máis importante é "autoconvencerse, sobre todo a xente de Galiza, porque queiras que non, a maioría chega dun calendario portugués que non é tan competitivo. É importante ser conscientes das metas ás que pode chegar o equipo e nun principio facer tamén moita publicidade. Iso conséguese con triunfos, pero no ciclismo non hai só un rival, senón douscentos".

No súa presentación como corredor do Karpin Galicia as preguntas sobre súa implicación na Operación Puerto foron obrigadas. Nese senso Serrano non dubida en asegurar que non ten que limpar a súa imaxe. "O meu nome quedou tocado por culpa de El País e do As. Non teño que lavar a miña imaxe, eu o que quero é correr. O meu nome non o vexo sucio, porque creo na miña inocencia" asegura o de Redondela.

Participación na Vuelta
Un dos obxectivos do KG vai ser a participación na Vuelta a España. "A lóxica di que temos que estar pero é difícil, o ano pasado o convite fixérono en marzo e claro, se queres gañar a praza con só un mes de calendario é complicado. Aí entrará xa o labor dos directores deportivos, que teñen que interceder en certos corredores que estean fortes e, se en abril sae o convite, pois até ese mes a xente do equipo loitaremos por facer un calendario importante e estar o máis adiante posíbel. Ao mellor non son as vitorias senón a forma de correr do equipo o que inflúa na decisión final".

"Aínda teño ciclismo para anos"
Serrano, que asinou contrato por dúas tempadas, asegura que aínda ten moito ciclismo nas súas pernas. "Se o ano pasado quixen correr as tres grandes voltas non foi porque estivese maior como dixeron moitos, foi porque tiña ganas de facelo. Pensaba que era un xeito máis fácil de facer o calendario pola miñas características. A miña cabeza di que hai ciclismo para moito tempo e máis logo do descanso que tiven este ano. Gañei unha etapa do Tour case con 34 anos, se non estaba vello cando a gañei non estou vello agora".

Traballo cos novos profesionais
Moitos dos corredores que formarán o KG debutarán como profesionais no pelotón estatal. Marcos Serrano, como corredor máis experimentado do grupo terá a responsabilidade de transmitirlles os coñecementos aos máis novos. "Imos pasar moitas horas de adestramento xuntos. Iso é bo porque é onde coñeces os teus compañeiros, no día a día, moito máis que na estrada. Todo o que poida achegar achegareino. E tamén estarei receptivo para aprender deles".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: