O VI Congreso do Partido Al Fatah, postergado durante dúas décadas e que actualmente se celebra en Belén, por primeira vez en territorio palestino, permite albiscar o momento político dentro da Autoridade Nacional Palestina (ANP), así como as variables que dificultan a súa unidade política, principalmente con respecto a Israel e o movemento islamita Hamas.
Neste congreso, o presidente da ANP e de Al Fatah, Mahmud Abbas, enfróntase a diversas disensións internas así como a unha conxuntura rexional sensiblemente alterada, basicamente pola realidade que supón un goberno dereitista en Tel Aviv baixo o liderado de Benjamín Netanyahu, recoñecido opositor ao proceso de paz cos palestinos. Paralelamente, o afianzamento de Hamas en Gaza, que incluso impediu a saída de representantes de Al Fatah a este congreso, revela as dificultades políticas e operativas de Abbas e da ANP.
Con este escenario, Al Fatah e a ANP poden estar nas vésperas dunha necesaria remodelación. Afincados no seus feudos políticos en Cisxordania e atizados por diversas divisións internas dentro do partido, Abbas e Al Fatah tentan contentar a Israel, EEUU e a UE, a fin de evitar o previsible ascenso de Hamas neste territorio, toda vez que a resistencia do movemento islamita en Gaza, así como a corrupción e a inercia política de Al Fatah, comezan a manifestar un aumento do apoio popular cara Hamas.
Pero o tempo non semella xogar a favor de Abbas. A materialización da ruptura interna na ANP no 2007, cun Al Fatah controlando Cisxordania e Hamas asentado en Gaza, a pesar do imperdoable bloqueo internacional que afecta principalmente á poboación civil, supón un escenario máis favorable aos intereses israelís. Coa mirada posta en Irán, Tel Aviv observa con distanciamento o escenario palestino a fin de domesticar a Al Fatah dentro dunha estratexia destinada a conformar un posible Estado palestino en Cisxordania, practicamente tutelado por Israel e EEUU.
O outro escenario rexional está atento a Irán, cuxo pulso político de alto nivel pode amparar escenarios inesperados. Está por ver se o gran aiatolá Alí Jamenei logrará finalmente consolidar o seu poder ante os denominados “reformistas” liderados polos ex presidentes Rafsanjani e Jatamí, toda vez que o recentemente confirmado presidente Mahmud Ahmadíneyad depende totalmente das cartas que manexen Jamenei e a poderosa Garda Revolucionaria.
Velaí que EEUU, Israel e Europa consideren que o asunto clave é Irán, non Palestina. Incluso, o interese de Washington está máis centrado en Afganistán ca en Oriente Próximo. Esta perspectiva resta capacidade de manobra a Abbas e, indirectamente, a Hamas.
O plan do presidente estadounidense Barack Obama está basicamente construído en torno a Teherán, tomando en conta as súas incertas ofertas de negociación e o seu recente apoio a fortalecer os eidos de cooperación militar con Arabia Saudita e os emiratos do Golfo Pérsico. Aínda que notoriamente distanciados en canto aos parámetros desta estratexia, Netanyahu observa con suma atención os pasos dados por Obama cara Irán e Oriente Próximo.
Observando estas variables e o novo escenario, o largamente postergado congreso de Al Fatah pode evidenciar a perda de influencia deste partido nacionalista e laico dentro do escenario palestino e rexional, ou ben a súa dependencia dos intereses israelís e occidentais para seguir mantendo o control dentro da ANP.
Igualmente, a fragmentación política palestina influirá decisivamente no curso dos acontecementos dentro das paralizadas negociacións con Tel Aviv, toda vez que Netanyahu logre manterse no poder, coa cooperación dos ultradereitistas de Israel Beitainu. Pode que a conxuntura actual anuncie o espallamento dunha nova Intifada nos territorios palestinos, con características máis complexas e dramáticas ca nos levantamentos anteriores.
Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »