Co epicentro da crise boliviana no fondo, que levou a unha reunión de urxencia en Santiago por parte dos dez países membros da recen constituída Unión de Nacións Sudamericanas (UNASUR), resulta palpable unha crítica conxuntura rexional especialmente no relativo ás relacións entre EEUU e países como Venezuela e Bolivia, escenario no que tamén pode incluírse a proxección rexional de Rusia como socio enerxético e militar, todo isto dentro dun minucioso equilibrio estratéxico que semella rememorar os tempos da “guerra fría”.
O cumio extraordinario de UNASUR presentou un contundente respaldo rexional á lexitimidade da presidencia de Evo Morales en Bolivia dentro do delicado pulso interno que mantén cos prefectos autonomistas dos departamentos orientais. A pesar dos chamados ao diálogo realizados por Morales e á momentánea paralización das protestas e folgas no interior do país, existe unha clara indefinición sobre a solución política en vésperas do referendo constitucional boliviano, escenario que aumenta o risco dun maior espallamento da violencia.
A eficiencia de UNASUR
Resulta obvia a preocupación rexional pola crise boliviana, especialmente por parte de países beneficiados do consumo de gas natural boliviano como Brasil, Arxentina e Chile. A pesar da leve controversia entre as posicións brasileira e venezolana sobre cómo acometer a crise boliviana, o cumio do UNASUR supuxo igualmente un reto importante para este organismo como catalizador de solucións políticas para as crises rexionais, elemento que reforza o compromiso sudamericano por alcanzar marcos de cooperación e integración autónomos, incluso substituíndo a labor e eficacia de organismos hemisféricos tradicionais como a OEA.
Precisamente, o recente estado de permanente tensión nas relacións de Venezuela e Bolivia con Washington ven marcando varias variables que están definindo espazos de influencia xeopolítica na área sudamericana. A expulsión dos embaixadores estadounidenses en A Paz e Caracas, acusados directamente polos presidentes Evo Morales e Hugo Chávez de fomentar presuntos actos desestabilizadores e golpistas nestes países, radicalizará aínda mais as posicións de confrontación con Washington por parte destes dous países membros do ALBA.
Non obstante, dentro da delicada situación boliviana e o seu contexto rexional, cumpre observar a aparición de focos de descontento cara a estreita cooperación entre Chávez e Morales. O Alto mando militar boliviano advertiu ao propio Chávez de non aceptar unha presunta interferencia do mandatario venezolano nos asuntos bolivianos, principalmente de cara ás recentes declaracións de Chávez de ofrecer apoio militar venezolano en defensa da “revolución indixenista de Evo Morales”.
Para UNASUR, a crise boliviana supón un momento de inflexión para calibrar a fortaleza política e diplomática do organismo. Polo momento, o cumio de Santiago e o frontal respaldo ao goberno de Morales evidencian un notorio protagonismo da diplomacia brasileira e chilena na conformación destes espazos de consenso rexionais.
Moscova tamén fai “as Américas”
Na ecuación xeopolítica deseñada por Chávez nos derradeiros meses, oficialmente destinada a fortalecerse militarmente a fin de cercar calquera movemento de desestabilización por parte de Washington, ocupa un lugar preponderante a inclusión de Rusia como estreito aliado militar e enerxético.
Este factor cobra unha inevitable importancia estratéxica dentro da conxuntura actual, tomando en conta a tensión existente nas relacións entre Rusia e Occidente tralo breve conflito no Cáucaso e o constante pulso dialéctico e político mantido entre Caracas e Washington.
Para Moscova, a súa recente presenza en América Latina como socio enerxético e militar a través dos seus acordos con Venezuela e Cuba supón un claro equilibrio xeopolítico destinado xogar as súas cartas dentro da periferia de Washington, en clara resposta destinada a amortecer a expansión estadounidense dentro do espazo ex soviético, a través da OTAN e do escudo antimísiles.
Enmarcado dentro dos recentes acordos de cooperación militar entre Caracas e Moscova, o goberno de Chávez acaba de recibir a primeira avanzada de bombardeiros rusos TU-160 con capacidade nuclear. Para o próximo mes de novembro está estipulada a chegada ás costas caribeñas venezolanas dunha flota naval rusa, en claro contrapulso por parte de Chávez ao anuncio de Washington de despregar a súa VII Flota nas augas caribeñas. Anteriormente, Chávez sinalou acordos co Kremlin para abrir factorías militares rusas en Venezuela para a produción de armamento e tanques de combate, así como o seu anuncio de comprar un sistema ruso de defensa antiaérea de longo alcance, o Antey-2500.
O equilibrio xeopolítico e de cooperación Sur-Sur semellan tamén formar parte da política exterior adoptada por Evo Morales, con especial atención a súa estratéxica relación con Hugo Chávez. A visita de Morales a Teherán a comezos de setembro reforza unha serie de acordos de cooperación entre Bolivia e Irán iniciados no 2006 que, seguramente, exercerá como factor de maior distanciamento e irritación por parte de Washington no só co actual goberno boliviano senón co de Hugo Chávez, o principal aliado estratéxico iraniano en América do Sur.
Así, cumpre observar con atención a persistencia de Venezuela e Bolivia en afondar a súa cooperación con Rusia e Irán en América do Sur, escenario ao que se pode engadir Nicaragua, país membro do ALBA. O presidente nicaragüense Daniel Ortega amosou recentemente amosou o seu total apoio á ofensiva rusa en Xeorxia e ao apoio das independencias de Osetia do Sur e Abxazia.
Incómodo “patio traseiro” para Washington
Estes inéditos eixes xeopolíticos na rexión certifican a paulatina perda de influencia estadounidense nos asuntos hemisféricos, quedando a súa posición enmarcada en manter unha serie de alianzas con potencias emerxentes como Brasil e México, observando igualmente unha estreita alianza con Colombia e Perú, este último país igualmente polarizado pola ola de protestas e a perda de popularidade do seu presidente Alan García.
O caso colombiano presenta unha conxuntura particularmente importante para Washington. Probablemente persuadido por factores políticos internos, o presidente Álvaro Uribe Vélez semella definitivamente convencido a non presentar un novo recurso legal de modificación constitucional que lle permita postularse a outra reelección presidencial no 2010.
A posible designación dun sucesor para Uribe, que podería recaer no seu ministro de Defensa Juan Manuel Santos, supón para Washington un factor esencial dirixido a garantir a subsistencia do polémico Plan Colombia, cada vez mais dende unha perspectiva rexional, e especialmente ante a conxuntura emanada da cooperación militar ruso-venezolana. Con este panorama, podería incrementarse a posibilidade dun acordo entre Washington e Bogotá para afincar unha poderosa base militar estadounidense neste país, destinada a “monitorear” a situación andina, especialmente de cara a países incómodos para os seus intereses como Venezuela, Bolivia e Ecuador.
Paralelamente, o tácito apoio estadounidense ás demandas dos prefectos autonomistas en Bolivia permite tamén outear diversas variables que explican, en gran medida, a natureza da actual convulsión interna no país andino e a súa posible expansión rexional.
Neste sentido, o presidente ecuatoriano Rafael Correa, simpatizante e aliado de Morales e Chávez e que está a acometer un referendo constituínte para finais de setembro, advertiu nestes días da posibilidade de reprodución da inestabilidade interna boliviana no caso de que a oposición política ecuatoriana logre triunfos electorais na cidade de Guayaquil, cuxo recente pulso pola autonomía con Quito semella conferir puntos de concordancia cos obxectivos dos prefectos autonomistas bolivianos.
Estes síntomas de debilidade de Washington na área hemisférica están tamén definidos polo espallamento da crise bursátil internacional, acaecida trala caída do seu mercado hipotecario e de empresas emblemáticas do capitalismo global, así como o afondamento do pulso electoral interno de cara ás eleccións presidencias de novembro próximo.
Estes acontecementos definen un escenario xeopolítico particular en América do Sur, que igualmente explica a posibilidade de afondar unha carreira armamentista vixente desde 2004 pero agora identificada dentro dun escenario global de confrontación entre países como Rusia e Irán con Occidente. Todo isto sen esquecer o efecto persuasivo que exerce China, a potencia emerxente global que tamén xoga as súas cartas estratéxicas nunha América Latina que experimenta unha época de cambios.
Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »