Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Mansilla

A reelección de Chávez

17:45 19/02/2009

O referendo de emenda constitucional de reelección indefinida para cargos públicos realizado en Venezuela o pasado 15 de febreiro reafirmou un marco de referencia constitucional para América Latina que permite albiscar determinados escenarios dentro de Venezuela.

Ningún país latinoamericano alberga a posibilidade constitucional de reelección indefinida para cargos públicos e presidenciais. O recente referendo aprobado en Venezuela permite a Chávez constituírse nunha referencia dentro do marco constitucional latinoamericano, especialmente de cara a outros exemplos similares como as pretensións de Álvaro Uribe Vélez para o 2010 e a influencia que isto pode exercer en países como Bolivia e Ecuador.

Pero a emenda aprobada polo voto popular en Venezuela afronta outros escenarios internos, de gran impacto para o devir político deste país. A elevada participación electoral, estimada nun 68%, confirma igualmente a vontade democrática do pobo venezolano e a súa fe no sufraxio popular como mecanismo de elección.

Un líder indiscutible
Chávez afirma e lexitima a súa posición como eixe central da política venezolana alcanzando un 54% de aprobación ao Sí á emenda, que constitúe pouco máis de seis millóns de votantes.

Se ben non puido alcanzar o seu obxectivo de ampliar os seus simpatizantes a sete millóns de votos, tal e como pediu en xaneiro pasado, os resultados do referendo confirman que o “chavismo” conserva a súa opción maioritaria en Venezuela, cun espectro social calculado en pouco máis de seis millóns de persoas, consolidado nos sucesivos procesos electoriais realizados nos dez anos de goberno de Chávez.

O referendo tamén confirmou que o proceso revolucionario socialista e a hexemonía sociopolítica do chavismo están intimamente ligados ao impulso e o carisma de Chávez. A súa constante presenza en actos electorais e no espectro público afirman a súa posición como eixe central do escenario político venezolano e como líder dunha maquinaria eficazmente engraxada dentro do Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV), amparada igualmente pola abrumadora utilización de recursos públicos estatais para consolidar ao PSUV como a principal organización política a nivel nacional.

Durante o peche da campaña electoral, Chávez “personalizou” a votación pedindo aos seus simpatizantes “que lle axudaran a definir o seu futuro político e persoal”. Esta perspectiva está signada pola aparente inexistencia dun “chavismo sen Chávez”, fórmula política manexada por diversos liderados dentro do chavismo e da oposición, interesados na saída de Chávez da presidencia.

A indiscutible autoridade e liderado de Chávez quedou así patente tralas eleccións municipais de novembro pasado e o actual referendo para a reelección indefinida, confirmando a inoperancia do “chavismo sen Chávez” e afirmando ao presidente venezolano como candidato do PSUV para os comicios presidenciais de 2012.

Estas cotas de popularidade de Chávez e a súa eficaz maquinaria política e electoral manifestan unha situación de desventaxa para a oposición, amparada no apoio tamén excesivo por parte de diversos e non menos poderosos medios de comunicación.

Así, e con máis de seis millóns de votantes “fieis”, o chavismo debe afrontar os seus futuros retos políticos ante unha variopinta oposición que, con máis de cinco millóns de votantes, medra lentamente, aínda que con poucas perspectivas de vitorias electorais toda vez que o seu liderado dilúese en determinados grupos de poder, unicamente conectados na súa pretensión de saír de Chávez.

A alarmante crise socioeconómica
Este panorama marcado pola extrema polarización sociopolítica, aínda que consolidado o indiscutible liderado de Chávez, afronta determinados retos en materia económica. A brusca caída dos prezos petroleiros, calculados actualmente en $39 o barril, deixa ao goberno bolivariano cun difícil marxe de manobra ante a imparable crise económica mundial e os compromisos en materia social e de asistencia exterior concibidos persoalmente por Chávez.
   
Venezuela está ao límite dunha maior devaluación do seu signo monetario, o Bolívar Forte, así como á espera dun posible paquete económico determinado pola alza dos impostos bancarios e fiscais e a posibilidade dun aumento da gasolina, efecto pernicioso que pode espallar unha maior conflitividade social.

Paralelamente, Chávez deberá afrontar un cadro económico e social preocupante, determinado polo alarmante encarecemento da vida diaria, lastrada por unha inflación superior ao 30% en rubros sensibles como a alimentación e os servizos, así como o indiscriminado alza da delincuencia común, que provoca anualmente milleiros de mortos por violencia social.

A tentación de Chávez de afondar no seu personalismo como mecanismo de avanzada do proceso revolucionario e socialista pode espallar situacións igualmente conflitivas de cara a grupos radicais armados, como La Piedrita, os Tupamaros e o colectivo Alexis Vive, que entraron violentamente en escena durante a campaña electoral.

Tal e como amosou publicamente nos últimos días de campaña, Chávez podería afastarse destes grupos radicais urbanos que afectaría a súa imaxe de concordia na medida en que tente ampliar marcos de diálogo con outros sectores sociais e económicos, de cara a solucionar os problemas económicos e sociais á vista.

Tamén resta observar se os efectos constitucionais da reelección indefinida afectarán ou non os mecanismos democráticos e institucionais venezolanos, incluso ante a perspectiva dunha posible “personalización” da política e unha hipotética deriva autoritaria e totalitaria do proceso de cambio. O propio Chávez xa pediu ao seu electorado que lle permita liderar este proceso revolucionario polo menos ata o 2019.

5/5 (4 votos)



Roberto Mansilla

Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »



Anteriores...