O clima de fracaso persistente no cumio do G-8, celebrado na cidade alemá de Heiligendamm, confirma un novo escenario de fricción entre Rusia e Occidente, con implicacións directas non só na carreira armamentista senón na axenda de asuntos globais.
A grosso modo, o cumio do G-8 naceu morto antes de empezar. Cercado por un impresionante dispositivo de seguridade e pola acción contestataria dos movementos altermondistas, os líderes reunidos no balneario alemá víronse aleccionados polas “guerra dialéctica” entre o presidente ruso Vladímir Putin e o seu homólogo estadounidense, George W. Bush, relativo á ampliación do escudo antimísiles estadounidense cara Europa do Leste.
A xuntanza entre Putin e Bush o xoves 7 apenas puido descifrar un clima de concordancia de obxectivos. Aínda que Bush dixera, antes de chegar a Heiligendamm, que Rusia non era o “inimigo”, é un feito que Washington instalará os seus mísiles defensivos en Polonia e un amplo sistema de radares na República Checa. Polo tanto, cara quen vai dirixido este escudo non son, precisamente, Irán, Corea do Norte ou China, senón unha Rusia cunha política que non puido ser domesticada por Occidente desde que Putin chegara ao poder no 2000.
Así como o escudo estadounidense, os ensaios militares rusos, principalmente co lanzamento do seu poderoso mísil de longo alcance RS-24, semellan alterar a ecuación militar a curto ou mediano prazo non só entre Rusia e Occidente senón cara potencias militares, como China, Irán e Xapón.
Carreira armamentística
Con este panorama que recoloca a Europa como punto central do pulso ruso-occidental, pódese estar experimentando un período de rexurdir da carreira armamentista global, con implicacións directas no proceso de proliferación nuclear vixente, tralo fracaso dos mecanismos de cooperación estipulados no Tratado de Non Proliferación Nuclear asinado en 1968.
Polo tanto, haberá que ver cómo se interpreta este pulso de armamentos ruso-estadounidense en países como China, Xapón, Irán, Paquistán, India ou Corea do Norte e de qué maneira impactará na seguridade global.
Alén do escudo antimísiles, o outro tema de fricción no G-8 limitouse á falta de compromiso das grandes potencias para adoptar un marco de cooperación destinado a evitar o cambio climático. Neste apartado, resulta evidente a falta de perspectivas comúns entre EEUU, o principal emisor de gases invernadoiro, Europa, Rusia e Asia.
Dentro da lista dos dez primeiros países que emiten o implacable CO2 están, precisamente, a totalidade dos membros do G-8, así como China e India, os dous novos invitados a este cumio, que acudiron como representantes visibles do ascenso de Asia á supremacía global do século XXI.
Países emerxentes
Con esta realidade e os escasos prazos temporais a seguir, de pouco servirá o compromiso de Bush á chanceler alemá Ánxela Merkel de que EEUU traballará con Alemaña e Europa na consecución dun novo marco de cooperación que substitúa ao Protocolo de Kyoto, cando este venza no 2012. Esta declaración semellou un intento por aportar unha dose de optimismo a un cumio estigmatizado polo fracaso.
Tampouco se abordou o tema dunha posible reestruturación ou ampliación do G-8, a pesares da invitación expresada a China, India, Brasil, México e África do Sur no cumio do 2007. Resulta evidente para os organismos internacionais a necesidade de resaltar o ascenso de países emerxentes como referentes do cambio na política mundial do século XXI. Este carácter multilateral podería equilibrar calquera tentativa unilateral de imposición de axendas e ideas.
Cosova, a axuda a África, o programa nuclear iraniano, foron temas de discusión que afondaron a fenda interna nun cumio que serviu para a despedida formal de Tony Blair e o estreo oficial de Nicolás Sarkozy nos grandes foros globais. Pero ambos pasaron sen pena nin gloria, relegados pola guerra fría que acaban de inaugurar Putin e Bush.
Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). »