Vieiros

Vieiros de meu Perfil


X. Antón L. Dobao

Galicia sen lingua

12:40 26/02/2009

Ligar democracia, liberdade, igualdade con Galicia Bilingüe é como elaborar viño con metílico: ocasiona danos irreparables. Levamos anos escoitando de xentes de orde e responsables, de galeguistas con sentidiño, de fachendosos con poder ilusorio, de intelectuais de cámara e políticos de indisoluble fe no mercado, de xornalistas sabios, que non era cousa boa nin aceptable mesturar lingua galega e política. Tiveron que pasar anos e mesmo algunha traza de interiorización deste discurso de culpabilidade para que nos chegase o arrouto visceral dunha nova relixión secular e comprobarmos en carne propia que linguas e política(s) son inseparables. É iso malo? Como non somos relixiosos, vamos evitar categorías relacionadas co ben e o mal: é o que hai.

Cando alguén nos pide que non nos metamos en política está a reclamar en exclusiva para si tal exercicio. Que Rosa Díez ou o PP concorden abertamente, en corpo e alma, coas posturas de Galicia Bilingüe quere dicir que reclaman para o castelán a exclusiva de ser lingua para todo na sociedade galega. Que o faga un actor cativeiro, epígono voluntario de Xan das Bólas no seu afán de ser mercadoría exótica e pintoresca na castiza escena española e galega subalterna, non deixa de ser unha anécdota grotesca. Irrelevante. A política é inseparable das linguas, de todas as linguas, que normalmente son capaces de expresar a estratificación social, os capitais simbólicos acumulados e tamén, como non, as relacións de poder, de submisión e mesmo de pulsións autodestrutivas e liberadoras.
Pretender que a lingua galega, minorizada no seu propio territorio e distanciada non poucas veces de importantes grupos dos seus propios falantes, non teña nada que ver coa política ou viva adormecida nunha especie de casula illante é o mesmo que programar a súa desaparición pola vía da inanición.

Ese grupo de persoas reunidas baixo a sosa denominación de Galicia Bilingüe camiña con todos os seus dereitos lingüísticos garantidos. Nosoutros, non. As súas campañas, incluída a manifestación desoutro día, non perseguen a conquista de dereitos individuais ou colectivos que non posúan ou que periguen, senón que apuntan a un horizonte soñado no que emerxe unha lingua oficial en plenitude de usos e presenzas públicas e outra lingua —lingua?—, vernácula, cooficial, restrinxida aos usos familiares e privados dos que nunca debeu saír. É moi simple a concepción colada ós seus recunchos mentais: o castelán é lingua natural; por tanto, non se impón. O galego, por contra, é lingua vernácula, por tanto, de escravos, inferior, que só pode acceder a certos ámbitos sociais se é mediante imposición. Un razoamento tan repugnante como falso.

Mais ese horizonte soñado, está tan lonxe da realidade actual? Por moito que digan algunhas leis, non, non o está. Por tanto, Galicia Bilingüe e aqueles que os apoian non fan máis que someter a xuízo público a súa proposta de que non se dea nin un só paso en dirección normalizadora, de que o proceso de substitución continúe sen que ninguén mova nada para inverter esa tendencia, ou sexa, a minorización absoluta da que legalmente é a Lingua Propia de Galicia. Eu recomendaríalles, antes de nada, que muden a súa denominación. As nacións non son bilingües, non teñen atributos de individuos humanos. Eles, polo que un ve, tampouco.

Todos os horrorizados coa imposición, quitados algúns algo máis túzaros do que a doxa recomenda, aceptan certos usos públicos rituais. Aínda que saiban con certeza que o galego é para falar coas vacas, non caerán no pecado de desexar en voz alta a reclusión da lingua de Galicia no lugar que lle consideran propio. A súa proposta estelar non pasa de algo tan inocente como a segregación en aulas diferentes dos estudantes conforme ás súas linguas maternas, é dicir, conforme ás súas orixes sociais. Porque ben saben eles que non hai linguas inferiores nin superiores; só falantes ós que aproximarse e falantes dos que distanciarse. Grupos de falantes con antagónicas procedencias sociais. E eles senten unha urticante necesidade de se distanciaren social e culturalmente de certos grupos de falantes. En realidade, non son glotófagos nin glotófobos. Mesmo, como lle ocorre ó editor de La Voz de Galicia, poden encontrar na lingua galega un aquel de amabilidade, de musicalidade, de beleza espiritual, sen imposición mediante, claro. En realidade só son algo xenófobos, un pouco nacionalistas esencialmente excluíntes, como Rosa Díez. E moi clasistas, iso si. Por nada do mundo lles gustaría mesturarse con certas capas sociais máis que cando as observan desde os palcos e as plateas do espectáculo folclórico. Coa debida distancia. Sempre o principio de distancia.

O debate con Galicia Bilingüe non é posible nin conveniente. Nin a confrontación de ideas ou de posicións políticas, pois é tanta e tan insalvable a distancia que non paga a pena perder o tempo en viaxes sen retorno. Sería como discutir de política ou de filosofía con fascistas, tan absurdo como innecesario e contraproducente. A existencia dese grupúsculo con financiamento de procedencia descoñecida non é realmente unha ameaza para a lingua galega. Son inofensivos en por si, talvez unha ocorrencia pintoresca e disparatada que non representa a ninguén máis ca ós seus propios prexuízos sociais, políticos, lingüísticos e humanos. O dano que a camarilla de Galicia Bilingüe pode inflixir cómpre procuralo noutras dimensións, noutros escenarios, na súa condición de pretexto para campañas de máis profundidade e con mecanismos máis eficaces. Os de Galicia Bilingüe non deixan de ser interesados parvos útiles nun negocio capitalizado por grupos de presión representados polo Partido Popular e, sobre todo, polos intereses materiais e ideolóxicos dos que é voceiro o grupo mediático do Fillo Predilecto de Galicia, unanimemente reverenciado na súa extraordinaria dimensión cósmica e infalible. Son útiles porque veñen a expresar en voz a berros o que os outros levan anos atrevéndose só a murmurarlle ó propio pensamento. Son útiles porque abren o campo para que outros, responsables, moderados, sisudos, lle dediquen unha natural e democrática preocupación á imposición e á falta de liberdade e de igualdade de dereitos. Imposición relativa á lingua galega, queremos dicir; outra non é posible, non si, señor candidato Pérez Touriño? Non esquezamos; volve outra vez, tamén no círculo pechado do PSOE, non tan afastado dos anteriores, a obsesión coa imposición lingüística. Non coa do castelán, non, que esa debe ser ordenada por Deus ou por Escrivá; coa do galego, que talvez estea inspirada por algún demo maior. Mais aquela recorrida estupidez de que o castelán nunca foi imposto é simplemente iso: unha estupidez. Ninguén coñece no mundo lingua oficial que non sexa imposta no ensino, na administración, na comunicación de masas... Cando o Presidente da Xunta e candidato do PSOE a repetir cargo co imprescindible apoio dos nacionalistas se preocupa tan contundentemente pola imposición lingüística como para estar decidido a non a permitir, está colocando a lingua feble nunha situación socialmente crítica. E probablemente o fai por dúas razóns: unha, os seus prexuízos lingüísticos, que lle pedirán unha lingua galega litúrxica e de uso arqueolóxico; outra, porque teme que o discurso de Galicia Bilingüe, do PP e do partido de Rosa Díez calle entre pequenos fatos de votantes urbanos do PSOE. Talvez non anda desencamiñado de todo. El saberá o que elixir. E Díaz Pardo.

Durante a fin de semana en que transcorreu a demostración das ridículas —cualitativa e cuantitativamente falando— forzas de Galicia Bilingüe, o Xornal Predilecto dedicáballe páxinas interminables aos soldados da segregación ó tempo que silenciaba, por exemplo, a homenaxe que se lle ofrecía á figura de Méndez Ferrín. Como non hai ética xornalística que ordene facer prevalecer unha noticia sobre a outra, teremos que entender que tal escolla é lexítima e libre. Poden eles informar como desexen. Mesmo poden converter toda crítica á súa liña informativa en antidemocráticos ataques ós periodistas a soldo, que, madia leva, non desmentirán nunca ós amos. Poden mesmo entrar en campaña cunha longa entrevista a Rosa Díez, que, segundo os datos dos que dispoñemos, non é candidata. Pode mesmo o entrevistador amosarse dolorosamente preocupado, outro máis, pola imposición lingüística. A imposición lingüística. Mais eles e nós sabemos que en realidade están a falar, con outras palabras, do inconfesable. Do inconfesable aínda, mentres o ariete de Galicia Bilingüe non termine de abrir vieiros e buratos nas paredes. Falan do proxecto dunha Galicia en que o galego permaneza recluído en estreitos espazos privados e litúrxicos. Diso falan. E calquera reacción que procure facer do galego unha lingua de uso normal en todos os ámbitos da sociedade, nada máis —e nada menos—, constitúe para eles unha imposición intolerable. Nese lugar é no que se debe producir a confrontación sen escusas. E esa confrontación obriga necesariamente a revisar modelos de normalización. Cumprirá esixir firmeza política no proxecto de resituar o galego en todos os ámbitos sociais e cumprirá tamén e dunha vez activar políticas normalizadoras —institucionais e de base— que reforcen a lealdade dos falantes no canto de debilitala. É dicir: aseguremos a transmisión.

Todos estes pintorescos individuos, que non son moitos pero fan bastante ruído, dirán que impoñemos. E manexarán a tópica da imposición, do dereito a escoller, do rico bilingüísmo, do mantemento a todo poder dun proceso de substitución que reclúa o galego en espazos privados, litúrxicos, folclóricos, antropolóxicos, pintorescos, fóra de calquera espazo público. Ou sexa, desaparición. Galicia Bilingüe, Rosa Díez, o PP, La Voz de Galicia e mesmo a policía (será bilingüe a policía?) fan política contra o galego. Están no seu dereito. Pero escusen de alporizarse cando se tenta facer política a prol do galego. Non renunciaremos.

4,82/5 (45 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



X. Antón L. Dobao naceu en Lugo o 16 de xullo de 1963. Licenciado en Filoloxía Galega, é escritor e filólogo. Desde 1986 é Asesor Lingüista da TVG. Na actualidade tamén é director e guionista de ficción na TVG. Desenvolve como tal o proxecto Un Mundo de Historias, consistente en xerar produtos audiovisuais de ficción baseados en adaptacións de obras do sistema literario galego. »



Anteriores...