Vieiros

Vieiros de meu Perfil


X. Antón L. Dobao

Linchamento democrático

12:45 28/02/2008

Xoguemos. Observemos os medios de comunicación segundo o principio de incerteza da teoría cuántica. Así como non é posible medir a un tempo e con precisión a velocidade dunha partícula e a súa posición exacta, tamén será materialmente imposible que as chamadas “informacións xornalísticas” respondan algunha das preguntas fundamentais. Qué e cómo ocorreu o que se di que ocorreu. E, sobre todo, por que.

Esas hipotéticas respostas virían determinadas pola distorsión que introduce quen observa a realidade e decide contala ou ocultala. O instrumento de medición empregado para observar un acontecemento e reconstruílo en mensaxe aféctalle ao propio acontecemento. Ao tentar representala, ao lle introducir a distorsión ocasionada polo método de observación, a realidade non é contada senón recreada. Os medios de comunicación crean realidade, e, ao ocultaren o que non é merecente de ser noticia, tamén a destrúen un pouco. Por iso é absurdo, cando non un engano premeditado, falar de obxectividade. Cando medios e xornalistas recorren a esta manifestación de transcendencia, algo inconfesable desexan xustificar.

Estes días asistimos a unha longa campaña contra a participación de Galicia na Feira do Libro da Habana, na que algún columnista con cargo determinaba comparar ironicamente a obxectividade do xornal cubano Gramma coa da prensa occidental, nomeadamente a do xornal ao que serve. Esquecía o bo do home que o Gramma é o voceiro do Comité Central do Partido Comunista de Cuba e por tanto nunca tivo nin ten nin terá vontade de obxectividade. A prensa occidental, porén, incluído o xornal que a el lle paga, ofrece entre os seus variados artigos de consumo a oferta de garantía de obxectividade. Mais como a rudeza irónica lle debeu parecer excelsa, continúa no mesmo ton e desvela os seus desvelos reais, sen querelo, ao aludir desde o superior púlpito da obxectividade aos presuntos poemas artúricos de Ferrín para desacreditar Cuba e, sobre todo, a literatura galega. A este mestre da silveira irónica, con calos censores nas mans, cóllelle toda a literatura que dá comprendido nun disco de Loquillo.

Obxectividade e condición humana son incompatibles. O ser humano é suxeito e merece unha prensa ao servizo de subxectividades colectivas. A subxectividade á que pertencemos uns é antagónica coa que representan o director adxunto e os seus conxéneres. Ben fan en defender os propios intereses e os da empresa que lles dá caldo, mais deberían absterse de facelos pasar por intereses universais, xerais, obxectivos, de todos, de todas. Esa é intención pouco honorable. Deixemos a obxectividade para os obxectos. Ou sexa, aquilo en que os medios convencionais desexan converternos.

A incerteza dos xornalistas
O principio de incerteza atravesa a actividade xornalística. Evitemos sorpresas e desagrados. Coñecemos cal vai ser en cada caso a posición de articulistas, arquitectos, opinadores profesionais, escritores, catedráticos de dereito constitucional e outras pólas dun mesmo saber obxectivo, indiscutible, como toda relixión, sempre en lingua española, xaora. Case sen que teñan que a expresar. Sen sorpresas, ou non? O método de observación mais os instrumentos de tan científicos esmigalladores da realidade inclúen as necesarias desviacións. Instrumentos e métodos, iso si, inválidos para calquera outra clase de medición que non sexa aquela prefigurada polo sistema e o réxime. Non veredes as súas sinaturas apoiando as causas dos perseguidos, as dos sen nome, as dos que non teñen voz nas próximas eleccións españolas; sobre todo, nunca os veredes axitar o envase da explotación ata facelo rebentar. Perderían obxectividade.

Aplíquese o dito tamén ao liderado do xornal propiedade do unánime fillo predilecto, e tamén dos seus aduladores a soldo, ao linchamento sumarísimo dunha man de rapaces que cometeron o crime de lesa patria de lle iren berrar a unha profesional da política á entrada dunha maxistral conferencia científica para a que fora convidada, quen sabe se gratuitamente, pola Universidade de Santiago de Compostela. A obxectividade colócanos ante unha realidade creada. Berrar desacordos constitúe un ataque intolerable contra a liberdade de expresión, ese privilexio só aplicable a empresas periodísticas, xornalistas estelares e políticos profesionais. A política diferida cristaliza en debates públicos. Os cidadáns, dinnos os nosos dignos representantes, temos dereito a que eles debatan sobre o noso futuro. Curiosa concepción da democracia. Se a teima na opinión inclúe berros e pancartas, entramos xa no terreo da agresión intolerable. Os métodos e instrumentos destes observadores profesionais da realidade chegan a formularlle á física leis novas que nos explican como é posible que uns rapaces a berros lle ocasionen lesións, agresións mediante, a un compacto e rexo grupo de gardacostas e axentes que protexían a brillante científica. A agresión camiña só nun sentido. Por iso lles cómpre asañarse con un grupo de estudantes que se manifestan contra a profanación do espazo universitario en case campaña electoral. Os medios de produción simbólica e os seus soldados cífrannos obxectivamente os límites do respecto, da discrepancia, da liberdade de expresión, da liberdade en si. O Estado de Excepción asoma a cabeciña mentres algúns veteranos recollen sinaturas para que o linchamento programado teña efectos tanxibles. Todos retratados por acción, opinión ou silencio. Candidatas e xornalistas. Escritores e líderes nudistas.

O xornal do unánime fillo predilecto de tantos concellos galegos non organiza cruzada contra a presenza de Galicia na Feira do Libro da Habana por se sentir canle de conducir as arelas de liberdade de todos os seres humanos do mundo. Tal filantropía. Os seus métodos e instrumentos de observación delátano. Tanto ao xornal coma ao fillo predilecto coma aos seus soldados élles insoportable que Galicia teña tratamento de Nación sen España por medio. Que a literatura galega estea nunha Feira do Libro sen tutela ningunha da superior literatura española, demostrando a súa existencia e a súa radical independencia. Conscientes, ambas. A cacería é unha boa ocasión para estes exemplares de xornalismo democrático demostraren a súa disposición a enzoufar as mans. A alegre cazata iniciouna o xornal progresista e militantemente monolingüe do grupo Prisa. Sempre hai a quen lle prace sentirse lebre ou cenoria. Só en lingua española, madia leva.

Pena que quen organizou a presenza audiovisual de Galicia en Cuba aplicase a ese campo de creación criterios de subalternidade, dependencia e submisión lingüística e cultural radicalmente incompatibles cos que manteñen en pé o campo literario galego. Pero ese é asunto para outro día.

4,5/5 (56 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



X. Antón L. Dobao naceu en Lugo o 16 de xullo de 1963. Licenciado en Filoloxía Galega, é escritor e filólogo. Desde 1986 é Asesor Lingüista da TVG. Na actualidade tamén é director e guionista de ficción na TVG. Desenvolve como tal o proxecto Un Mundo de Historias, consistente en xerar produtos audiovisuais de ficción baseados en adaptacións de obras do sistema literario galego. »



Anteriores...