Vieiros

Vieiros de meu Perfil


X. Antón L. Dobao

Memoria histórica

10:09 03/09/2007

Aos perseguidos

Probablemente, a Guerra Civil española foi unha manifestación da loita de clases. Porque naquela contenda logo entrou en disputa a propiedade. E cando a propiedade está en perigo ou pode estalo, os que dispoñen dela mobilizan todos os exércitos dispoñibles. Desde os máis violentos aos máis sutís. Desde os que custan vidas humanas ata os aparentemente incruentos.

Na guerra que a dereita reaccionaria, a católica e a fascista —se non eran todas unha— libraban sen tregua contra calquera reforma republicana, por moderada que fose, outros asuntos ocupaban na tribuna pública e ideolóxica o lugar que na verdade subterránea, a real, a que non sempre é dado ver, lle correspondía á propiedade. A fe e a relixión e mais a sagrada unidade da Patria eran símbolo nuclear da Santa Cruzada iniciada por heroes entregados xenerosamente á defensa da Civilización. Tan alta finalidade esixía sacrificio: paseos, execucións, xuízos de farsa, prisión, violacións, roubo e toda caste de indignidades que a mente humana dea imaxinado. A violencia durou, como pouco, corenta anos. Foi unha violencia exercida en todas as direccións, baixo todas as formas, desde as máis brutais ás aparentemente máis sutís. Non poucas desas formas de violencia aínda perviven.

Naquel atroz exercicio institucionalizado da violencia confundíanse nunha alma única o Estado e mais a Igrexa Católica. Nas súas mans recaía o sagrado cometido de separar o gran da palla e, se cadraba, amputar sen anestesia os membros apodrentados dun corpo social atacado polos virus mortais do desexo colectivo de igualdade, de liberdade, de xustiza. Para matar aquel virus langrino cumprían varias décadas de antibiótico nacional-católico. E anticomunista, por suposto, e tamén antiseparatista, que dirían eles. Cumprirían en realidade todas as décadas futuras da historia, porque o mal sempre axexa en calquera encrucillada. É oficio do demo.
Cando Mariano Rajoy afirma con desprezo que o goberno español só se preocupa da “Memoria Histórica”, colócase no bando das atrocidades. Nada novo. Alí naceu, alí se criou e alí vive. Sempre o soubemos, o mesmo que soubemos que o seu partido é o continuador e herdeiro da obra evanxelizadora da Cruzada. Ao mellor, ao seren tan nítidas a orixe e as canles evolutivas da dereita española aínda cadra máis patético o discurso dos dirixentes do PSOE cando falan da necesaria unidade dos demócratas fronte aos violentos. É un discurso seguido aplicadamente, madia leva, polos creadores de opinión, falen na SER, falen na Radio Galega. Claro que ningún deles nos especifica que é o que debemos entender nós e o que entenden eles por ser violento e por ser demócrata. Ou se ter ás costas a responsabilidade das mortes polas invasións e bombardeos de Irak ou da extinta Iugoslavia converte a Bush, Aznar, Blair e Solana, mais aos que se abrazan a eles, en demócratas ou en violentos.

Cando a Igrexa Católica, co gran Rouco Varela á cabeza, asalta a praza pública para orar contra o matrimonio homosexual, a destrución de España ou a inocente materia de Educación para a Cidadanía, non nos expresa nada novo. É a mesma Igrexa que compartiu co Estado fascista a desinfección da España Imperial que seguen soñando. Cando a dereita clama contra a desarticulación da transcendente España tampouco nos berra nada novo. Os seus berros veñen de lonxe.

A coalición de forzas que forman este Nacional Catolicismo contemporáneo aplica a doutrina da guerra preventiva, menos cruenta fisicamente ca a que iniciaron hai setenta anos pero de finalidades igualmente purificadoras. Porque nin hai laicismo, por desgraza, nin as nacións do estado español teñen dereito a emanciparse. Todo quedou “atado y bien atado” polo Caudillo. Non teman.
Por veces, os ambientes políticos e mediáticos destes tempos poderían facernos pensar nunha repetición histórica do clima de guerra civil que o fascismo —o civil, o militar e o clerical— xeraba hai pouco máis de 70 anos. Se así fora, volvería atinar Marx ao afirmar que na repetición histórica o que foi traxedia volve en forma de farsa. Mais non podemos falar propiamente de que a historia estea a repetirse, por moito que o presente non saia de farsa nin chegue sequera a comedia e as forzas Nacional Católicas sigan firmes. Desta vez a propiedade non está en perigo, senón ben custodiada por todas as faccións do monolítico e dictatorial Partido da Orde.

Mascar a derrota
Hai setenta anos, Galicia perdía nunha hemorraxia atroz os homes e mulleres chamados a protagonizar o seu salto histórico con transformacións culturais, sociais e económicas. Durante corenta anos, todas as institucións do Estado cumpriron ferozmente a súa angueira purificadora inspiradas pola mística fascista e o totalitarismo integrista católico; ata tan lonxe chegaba o maxisterio moral da Santa Igrexa Católica. Tras a morte do ditador veu a restauración monárquica por el ordenada. Da historia quedaba para sempre expulsada a República e os que lle foron leais. Mesmo o proxecto —ou o soño— daquela III República Federal que Castelao defendeu ata a morte contra os que apostaban pola solución monárquica. As institucións, na chamada Transición, nin mudaron nin foron depuradas. Ninguén lles aplicou ningunha lei de responsabilidades políticas (e criminais) a aqueles que se valeran dese pretexto para inzar de mortos os cemiterios, as fosas comúns e todos os camiños. Tampouco os condenados por tribunais militares e civís foron resarcidos, entre outras cousas porque terían que ser os mesmos tribunais, os mesmos xuíces e os mesmos militares os encargados de restituír a súa memoria, os seus nomes e os bens que lles foran usurpados. E aquilo era, aínda o é hoxe, impensable. Por iso se seguen negando os maxistrados españois a revisar aquelas farsas xudiciais que terminaron coas vidas e cos patrimonios de tantas persoas. En fin. Nada novo.

Hoxe os derrotados seguen mascando a súa derrota, os que están vivos, e os vencedores mais os seus descendentes gozando do botín da súa vitoria. Esa é, sen dúbida, a razón pola que o partido da oposición e os seus inspiradores ideolóxicos se mofan da memoria histórica. E quizais a forma de sortear esa vileza é abandonar a reclamación dunha memoria que nunca se apartou dos perseguidos e esixir de vez e para sempre a Restitución Histórica. Ou, noutras palabras, Xustiza Histórica. Aínda que eles, os lobos e os seus herdeiros, lle chamen revancha.

4,17/5 (48 votos)



X. Antón L. Dobao naceu en Lugo o 16 de xullo de 1963. Licenciado en Filoloxía Galega, é escritor e filólogo. Desde 1986 é Asesor Lingüista da TVG. Na actualidade tamén é director e guionista de ficción na TVG. Desenvolve como tal o proxecto Un Mundo de Historias, consistente en xerar produtos audiovisuais de ficción baseados en adaptacións de obras do sistema literario galego. »



Anteriores...