Disque a democracia é o menos malo dos sistemas políticos coñecidos: “un cidadán, un voto”, “o pobo nunca se equivoca“. Mais o pobo é a suma dos individuos que o conforman, non si? Coas súas virtudes e os seus defectos. Así pois, ese pobo infalible, se cadra, algunha vez podería errar...
Quizais coñezan o estudo desenvolvido en Estados Unidos despois da reelección de George W. Bush (que gran exemplo de infalibilidade!) sobre o nivel de coñecemento dos votantes norteamericanos naquelas eleccións de 2004. A investigación relacionaba o sentido do voto, o medio de información habitual do votante e o seu nivel de coñecementos básicos. En concreto, esta ultima variable medíase en función das respostas a un cuestionario extremadamente sinxelo de cinco preguntas tales como “Está demostrada a participación de Sadam Hussein nos atentados do 11-S?” ou “Atopáronse armas de destrución masiva en Irak?” Os resultados foron, cando menos, curiosos: a gran maioría dos electores con 0 ou 1 respostas acertadas, votaran por Bush e eran lectores de xornais ultraconservadores.
Elixir é un proceso humano complexo. Procuramos escolle-la opción máis acaída consonte unha xeira de factores e a partir da información dispoñíbel. Normalmente, trátase dunha función intelectual baseada na observación e a análise. Pódese aplicar esta afirmación ós procesos eleitorais? Dubídoo. Coido que na maioría dos casos, a selección do noso voto depende de factores como a simpatía espontánea (semellante á dos “forofos futboleiros”), a tradición incluso familiar, un detalle de menor ou maior alcance ou, simplemente, a afinidade perceptiva cara a un lema, un símbolo ou unha imaxe.
Certo que os partidos tampouco non o poñen doado. Eis o noso propio exemplo: por unha banda, un partido maioritario afogado en sórdidos casos de corrupción e espionaxe interna que insiste teimudamente na receita neoliberal que propiciou á calamitosa situación actual; por outra banda, un partido gobernante que, tras unha lexislatura completa, non ten nada que ofrecer agás a imaxe dun señor con cara de presidente; e finalmente, a terceira forza que continúa nese debate eterno entre a vontade de gobernar e a vocación de resistir.
Coa modestia debida, propoño un exercicio sinxelo para tentar aplica-la razón a isto das eleccións. Retomo a idea ianqui do cuestionario. Velaquí as preguntas que me pareceron máis significativas:
1.Cal é a súa receita para saír desta crise canto antes e nas mellores condicións?
a.Flexibilidade laboral, rebaixa de impostos, menor peso sector público, desregulación
b.Programas de investimento público e seguimento medidas do goberno español
c.Instituto de Crédito galego e apoio actividade dos sectores agrario e industrial
2.Cal é o seu modelo territorial para o País?
a.Mantemento da actual división provincial e municipal
b.Estudar a implantación de áreas metropolitanas arredor de Coruña e Vigo
c.Eliminación das deputacións e creazóns de órganos metropolitanos e comarcais
3.Cal é a súa proposta medioambiental?
a.Primacía do desenvolvemento económico
b.Minimización do custo ecolóxico nos programas de dinamización económica
c.O medioambiente como condicionante dos proxectos económicos
4.Cal é a súa postura respecto da cultura e o idioma galegos?
a.Valor etnográfico da cultura galega e garantía de dereitos para o castelán
b.Promoción da cultura galega e equilibrio entre galego e castelán
c.Valor identitario da cultura galega e implantación integral do galego
5.Cal é a súa posición cara as oligarquías inda presentes na nosa sociedade?
a.Aproveitamento de posibles sinerxias para a potenciación da acción do goberno
b.Entendemento coas devanditas oligarquías como elementos lexítimos de poder
c.Progresiva redución da súa presenza económica e social
Se cadra é unha ousadía excesiva resumir en poucas liñas as posicións das forzas concorrentes a estas eleccións. En calquera caso, son razóns. Sempre sería desexable que unha elección se basease na análise antes ca nunha imaxe, nun tópico ou na presión mediática. Veremos.
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza