Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

O quinto elemento

09:40 20/04/2009

O día de publicación deste artigo, coñecerase a composición da nova Xunta de Galicia. A día de hoxe, venres, tan só coñecemos o nome do conselleiro da Presidencia, algúns candidatos, e os principios inspiradores da acción de goberno consonte ós discursos pronunciados polo xa presidente Núñez Feijóo.

Lendo o discurso completo, un chega á sorprendente conclusión de que a maior parte do seu contido podería ser subscrito por candidatos de distinta adscrición, tanto socialista como nacionalista. As diferenzas estriban nos matices –algúns importantes, xaora–  e, sobre todo, na lexitimidade das manifestacións.

O primeiro elemento subliñado polo xa presidente é o da “coherencia das propostas” cando, atinxindo cando menos ás receitas económicas, o que se albisca é unha forte incoherencia. Resulta incoherente a propia orientación xeral da proposta, que calca as liñas do programa desenvolvido polo Goberno Zapatero tan duramente criticado polo PP central. A única diferenza salientable reside no recorte de impostos que representa, en si mesmo, unha segunda e dobre incoherencia: por unha banda, o groso da política tributaria aséntase nas competencias do Estado e o diminuto marxe de actuación autonómica minimiza ata niveis ridículos o posible efecto da medida; por outra banda, as continuas apelacións ó control do déficit público por parte da dereita española resultan incompatibles co recorte de impostos, en especial en época recesiva.

A “honradez” vén sendo o segundo elemento destacado por Núñez Feijóo referendado coa mención explícita ó respecto ás leis. Un tende a pensar que “só faltaría” pero entón recorda a traxectoria do PP galego nas sucesivas lexislaturas nas que ocupou o poder e o espectáculo dos últimos meses no PP de Madrid e Valencia. Xa que logo, se cadra non sexa o Sr. Núñez Feijóo, representante do partido atinxido, o máis indicado para mentar calidade tan esperable nun goberno. Item máis: o mesmo día no que o xa presidente emitía o seu discurso de investidura, saían á luz as trapalladas que Damian McBride, asesor de Gordon Brown, estaba a argallar co fin de desprestixiar varios líderes conservadores. O trampulleiro McBride houbo dimitir. A campaña de Núñez Feijóo foi o máis claro exemplo de campaña impúdica e ignominiosa, o xefe da cal será nuns días o novo conselleiro da Presidencia…

Terceiro: consenso entre as distintas forzas para os temas de interese común, unión de tódolos galegos en torno ós grandes temas. Quen anda sempre ás présas, non pode pedir calma; quen berra non está lexitimado para esixir silencio. Quen rachou os consensos en torno á lingua e ó Estatuto, quen antepuxo sen prexuízos os intereses xerais do seu partido fronte ás arelas de Galicia, quen perseguiu o poder como único obxectivo por riba de calquera consideración de País, non pode solicitar consenso e colaboración.

Núñez Feijóo tamén inclúe a “austeridade” neste repóker de elementos clave do novo goberno. Pretende aforrar 100 millóns de euros do orzamento anual para podelos dedicar a investimentos produtivos contra a conxuntura económica. Poñámo-las cifras en perspectiva: 100 millóns de euros son o 20% do presuposto desa Cidade da Cultura que artellou o último goberno popular do cal formaba parte o Sr. Núñez Feijóo. O seu suposto plan de austeridade daría para levantar un dos cinco edificios dese complexo absolutamente improdutivo para Galicia, non tanto para algúns dos seus promotores.

E así chegamos ó quinto elemento, que deixa Núñez Feijóo para o final do discurso. Pronuncia el solemnemente: “Deus fratesque Gallaecia”, e aproveita para critica-lo “exceso de laicidade” actual nunha declaración que pode agochar futuras iniciativas da man desa Igrexa tan proclive ó uso partidista dos cristiáns. “Deus protexa Galicia”, tamén o penso eu se existise ese tal Deus que adoito invoca-la dereita ó seu antollo como xa outros fixeron para xustifica-la Inquisición, as Guerras Santas ou Civís ou a pura eliminación do adversario. Eu confiaría máis na protección da oposición, sinceramente. PSdeG e BNG teñen unha responsabilidade moito maior da que senten nestes momentos. Teñen a responsabilidade de evitar que o Goberno de Núñez Feijóo volva meter este País nas furnas da regresión, o sucursalismo e a perda da dignidade.

4,43/5 (28 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións