Cando un descoñece por completo unha materia ou área determinada, pode facer dúas cousas: quedar calado (moi recomendable) ou buscar unha perspectiva dende a cal achegar un punto de vista alternativo con algún valor. Isto segundo é o que tenta o presente artigo. Vai sobre a Sanidade, ou sexa, sobre a saúde pública e individual.
A perspectiva alternativa que se presenta a seguir é a dun usuario do servizo público de saúde. Ou sexa, a dun grupo de doentes. Velaquí cinco casos escrupulosamente reais acaecidos durante estas últimas semanas (xa se sabe que, cando ven unha, veñen todas).
Caso 1
Unha nena leva días con dor de ventre. Visita co seu pai o pediatra da Seguridade Social quen, sumido nun estado nervioso que semella propio do individuo, apalpa a rapariga durante uns segundos antes de emitir o seu diagnóstico: “apendecite, isto é, apendecite.” Ante a estrañeza do pai, o pediatra pregunta se a nena tivo febre. “Non”, é a resposta. “Tanto ten, é unha apendecite. Hai que esperar antes de decidir operala.”
Unha hora máis tarde, outro pediatra diagnostícalle una pequena obstrución intestinal. O pai regresa á casa e entra no web do Sergas disposto a cambiar de pediatra, o que tal debe facer a partir do médico de cabeceira. É entón cando descobre que os únicos facultativos con algunha praza dispoñible o son formando parella co pediatra da súa filla, quen leva exercendo bastantes anos no mesmo posto.
Caso 2
Un home do oitenta anos vense queixando varios meses de fortes dores de estómago. A doutora da Seguridade Social diagnostícalle unha hernia de hiato e dálle o tratamento correspondente. O doente segue mal, as dores aumentan, deixa de comer, adelgaza. Case cada semana, volve á consulta da doutora, quen lle pide paciencia. O estado do home continúa deteriorándose, ante o cal recorre a un especialista, xa fóra do Sergas. Fanlle unhas probas e, en cuestión de días, chega o rotundo diagnóstico: linfoma de gran tamaño. Corenta e oito horas máis tarde, recibe a primeira sesión de quimioterapia.
Caso 3
Un afiliado xubilado hai pouco acode ao seu médico por uns problemas nunha perna. Diagnostícanlle unha sorte de malformación da médula espinal que se debe operar a fin de o doente non quedar paralítico. Ao cabo dunha semana ocupando unha habitación malia sentirse perfectamente (salvando o andar de coxo), sométeno a unha intervención para veren de evitar ciruxía agresiva, o que finalmente non será posible.
Agora debe esperar data para a segunda operación. Debe esperala no cuarto. A cousa é que, se deixa libre a cama, pode entrar outro doente e entón, cando o vaian operar a el, poderían non dispor de cama e daquela quedar sen operar. Seica é unha explicación típica, “un clásico” da Residencia. O custo dunha cama son 400 euros. Ben pensado, neste caso, o custo ata é secundario.
Caso 4
O home do linfoma. Despois de tres sesións de quimioterapia, as náuseas mantense. A doutora prescríbelle unha endoscopia urxente. Vai pedir cita na dependencia habitual, a cal ten o carteliño este tan de “ruedo ibérico”, o de “cerrado por vacaciones”. As citas, no andar de abaixo. Entre doentes temporais, enfermos en pixama e honrados contribuíntes na procura dunha cita, xuntaríanse na pequena zona do andar de abaixo cincuenta seres humanos. Ou sesenta. O home do linfoma leva dez días esperando pola cita para a endoscopia. Se tarda uns días máis, xúntase coa cuarta sesión da quimio.
“Cerrado por vacaciones.” E a planificación do persoal? E as substitucións? E os contratos a tempo parcial?
Caso 5
Un tipo que non marchou de vacacións leva uns días con molestias nun oído. O venres, estando fóra de cidade, a dor agúzase. Chega á súa casa (a mesma cá do Caso 1) e chama ao Sergas para consultar o que tal debe facer, sendo informado dun servizo de garda ata as nove no ambulatorio que lle corresponde. Marcha bulindo para o ambulatorio, que atopa deserto. Sobe ao segundo andar, onde é atendido por un displicente administrativo. Sala de espera baleira. Cinco minutos e entra na consulta, onde unha doutora con cara de pertinaz cabreo sométeo a un cáustico interrogatorio: “y no pudiste venir antes?”, “y qué pasa, que el dolor te apareció de repente?”, “casi podrías llegar a las 9 en punto”, “doler te dolerá, pero yo no te veo nada.” O doente fala galego, a doutora contesta en castelán.
O domingo pola mañá, o tipo do oído doente ha acudir a Urxencias onde lle receitan antibióticos para dez días.
Xa queda dito que un, de Sanidade, sabe entra nada e pouquísimo. Pero como usuario, ten a súa posición. E dálle que algo non funciona. E pensa que un servizo de tanta transcendencia na vida dos cidadáns, precisamente os usuarios deberían ter unha participación relevante.
Noutros sectores, son frecuentes as chamadas auditorías de servizo. Segundo as informacións recibidas, as inspeccións médicas non inclúen a análise do grao de satisfacción do usuario. Coido que se hai algunha actividade onde se deba coñecer a percepción do “cliente”, neste caso, do paciente, esa é a actividade sanitaria.
Por iso, creo que as enquisas de satisfacción de usuarios deberían espallarse entre os servizos de saúde. E que mesmo se deberían implantar sistemas máis avanzados como son o seguemento, sen coñecemento por parte dos facultativos, de expedientes concretos ao longo das distintas fases que debe percorrer.
Algúns pensarán que estas son medidas propias de estados policiais. Eu coido que son mecanismos que unha sociedade desenvolvida debe implantar a fin de garantir os dereitos máis elementais dos cidadáns.
Porque é preciso mellorar radicalmente. Porque é necesario separar a palla do gran. E porque isto da saúde é unha cuestión de vida ou morte. Algo que se pode dicir de moi poucas actividades.
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza