Podería apostar que tódolos Premios Nobel de Literatura teñen a súa Casa Museo, incluso máis dunha por mor das diversas residencias que foron ocupando ó longo da súa vida. Algunhas cidades montaron auténticos centros de peregrinaxe arredor de escritores, artistas ou científicos que viviron algún tempo na vila. Mentres, en Galicia, sitio distinto, tratamos os legados como se fosen plástico biodegradable.
Na cidade de Bath pasou uns anos difíciles Jane Austen. Varias familias ocupan a casa na que ela residiu. Así pois, o Concello habilitou unha casa semellante na que instalou unha sorte de exposición sobre a vida e obra da escritora romántica inglesa. Visitámola un día calquera de outubro tras aboar a entrada de 12 libras per cápita. Por mor da cantidade de xente que acudira, tivemos dificultades para ler algún dos módulos expositivos. A caixa rexistradora da tenda onde se vendían todo tipo de artigos relacionados coas novelas da Austen botaba fume. Que falar de Stratford-upon-Avon onde supostamente naceu William Shakespeare? Ademais da casa natal, onde se instalou un magnífico circuíto para o visitante, esta vila do condado de Warwickshire ofrece visitas ás casas da nai, da filla e a algunha outra onde disque residiu algún tempo o dramaturgo inglés.
Certo que estamos a falar de lendas da literatura. Non menos certo, Cela é o último Premio Nobel español trala curta cadea que forman os escritores Echegaray, Benavente, Juan Ramón Jiménez e Vicente Aleixandre e os científicos Ramón y Cajal e Severo Ochoa. E igual de veraz resulta que en Padrón residiu e faleceu unha das máis sublimes poetisas do século XIX cuxa obra transcende o capital literario para internarse no da cultura dos pobos e das linguas e na historia dos homes e as mulleres.
Tralo desastre da Fundación Cela, o Concello enteiro manifestouse a xeito “fuenteovejunesco” en contra do posible traslado do legado do Nobel galego. Mais eu pregúntome o que demo fixo tal concello, así como a deputación, e a Xunta, que fixo Galicia en definitiva, para evitar chegar a tan patética situación: NADA, contesto. Pois Padrón ben podería se-la gran cidade literaria do País e destino complementario inevitable para aqueles que visitan Compostela por razóns culturais. Podería igualmente funcionar como centro neurálxico dunha rede que xuntase os museos Valle-Inclán en Vilanova de Arousa e na Pobra, o da Pardo Bazán na Coruña, o de Otero Pedraio en Trasalba, Cabanillas en Cambados, Curros en Celanova, Risco en Allariz e algún outro que estarei esquecendo.
Se ate agora non se fixo nada do estilo, que esperarmos do goberno actual se...
Eliminan o 70% do orzamento para a promoción da lingua galega pero planean gastar 1 millón de euros en propaganda do ignominioso decreto do ensino...
Reducen drasticamente as axudas as institucións vinculadas á cultura galega pero planean gastar 1 millón de euros en propaganda do ignominioso decreto do ensino...
Rexeitan sumarse ó proxecto de Casa Museo de Manuel María pero planean gastar 1 millón de euros en propaganda do ignominioso decreto do ensino...
Desaloxan o centro de estudos de música tradicional galega pero planean gastar 1 millón de euros en propaganda do ignominioso decreto do ensino...
Retiran calquera apoio para a feira das industrias culturais galegas pero planean gastar 1 millón de euros en propaganda do ignominioso decreto do ensino...
Manteñen en ruínas a casa natal de Rosalía Castro en Compostela pero planean gastar 1 millón de euros en propaganda do ignominioso decreto do ensino...
(Os puntos suspensivos van polo gasto salvaxe que segue a engulir a “súa” Cidade da Cultura).
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza