Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

O ensino en galego

19:00 02/07/2007

Hai apenas uns días, o Goberno aprobou o decreto que regula o tratamento lingüístico a aplicar nas aulas galegas. Como é sabido, o decreto recolle un conxunto de medidas acordadas polos tres grupos parlamentarios dirixidas a garantir no ensino non universitario unha presenza importante da lingua do país. Tamén é sabido que no derradeiro momento, o PP apeouse do acordo.

Arredor de tres anos atrás, uns amigos cataláns preguntáronos polo proceso de inmersión lingüística no sistema educativo galego. Referíanse, naturalmente, á suposta (para eles) inmersión no galego, unha presunción completamente errada que houbemos corrixir de contado.

Explicámoslles a estes amigos cataláns que en Galicia, a inmersión funcionaba do revés e que había colexios que mesmo impartían a lingua galega en castelán. E relatámoslles que moitas escolas e profesores incumprían sistemática e impunemente a regulación de contidos mínimos en galego, que a gran maioría dos rapaces xamais utilizaban a lingua do país e que con demasiada frecuencia, os nenos galego-falantes mudaban a súa fala habitual unha vez se integraban na escola.

O decreto que se vén de aprobar xerou unhas elevadas expectativas nos colectivos con conciencia de país, aqueles sabedores da importancia capital de que o galego se constitúa na lingua vehicular do ensino en Galicia. Sen embargo, presento as miñas dúbidas sobre o éxito da iniciativa legal. En primeiro lugar, por iso mesmo, por tratarse dunha iniciativa legal que pode quedar en nada sen as medidas complementarias necesarias ou mesmo pode ser simplemente ignorada: non sería máis que estender a situación actual.

Ambos os dous riscos anteriores son nestes momentos máis elevados do que eran hai apenas unhas semanas. E isto por varios motivos.

Reaccións contrarias
As forzas que podemos chamar “tradicionalistas” do país están tomando, como lles gusta dicir a eles, “cartas en el asunto”; están no seu dereito. Son eses amplos segmentos da poboación que normalmente acoutan todo aquilo que poida supoñer o desenvolvemento da identidade e personalidade propia de Galicia e que reaccionan ante a máis mínima posibilidade de menoscabar ou poñer en cuestión o carácter xenuíno e indeleble da españolidade deste recuncho peninsular.

Como eco máis ou menos esperado deste desafinado coro, o Partido Popular apresúrase a amosar a súa faciana máis rancia, esa que chega maquillada da rúa Génova de Madrid, para demostrar unha vez máis (e non será a última) que a defensa da galeguidade do país lles preocupa tanto coma o futuro do Fondo Monetario Internacional.
Completando a xogada, os nosos queridos medios, eses que aforran os frascos de tinta para promover o uso do noso idioma, publican opinións visceralmente contrarias ao decreto sen importarlles que os argumentos expostos sexan propios do reino de Liliput.

Neste escenario, ponse a proba a determinación do noso Goberno, que haberá de confirmar se é quen de manter a posición e levar á práctica o contido xurídico ao completo, velar polo seu cumprimento íntegro e dotalo das medidas de implantación e potenciación necesarias ou se, polo contrario, volve sentir a vertixe do cambio e remata ancorado no chan do continuísmo.

O galego na escola
Adóitase dicir que a formulación da pregunta correcta supón a metade da solución do problema. Coido que nesta cuestión, a pregunta acaída é: “resulta preciso que o galego sexa a lingua principal do ensino en Galicia?” Tal que mandamentos, as motivacións que xustifican unha resposta positiva a este interrogante poderíanse resumir en dúas: Si, porque o galego corre perigo certo e tanxible de desaparición, e Si, porque o ensino é a única vía dispoñible para salvalo.

Procuraremos estender esta sorte de siloxismo no conxunto de argumentos a seguir:

  1. O galego naceu en Galicia; segundo os máis antigos testemuños coñecidos, o castelán naceu en La Rioxa, ou sexa, fóra de Galicia.
  2. O galego é a lingua propia de Galicia pois leva empregándose sen solución de continuidade dende hai aproximadamente mil anos; o castelán é unha lingua “adoptada” e introducida en Galicia varios séculos despois.
  3. O galego identifícanos univocamente nun mundo tendente á globalización, ou sexa, contribúe a defender e conservar a nosa idiosincrasia e cultura propias (tamén pode ser que haxa colectivos non interesados en defendermos a idiosincrasia e cultura propias).
  4. O galego é unha lingua feble, canda menos bastante máis feble có castelán. En Galicia, o castelán domina os xornais galegos, as canles de TV (86% de cota de pantalla), as emisoras de radio, a música, a literatura, o cine, o deporte, a tecnoloxía (canda o inglés), os bens de consumo, as relacións empresariais, a asistencia médica, as xestións administrativas, os trámites xudiciais, os contratos de traballo... e ata a Misa dos domingos.
Por todo isto, se un alumno castelo-falante recibe a súa formación en galego, dominará a lingua galega pero seguirá utilizando o castelán na súa contorna. Polo contrario, se un estudante galego-falante recibe a súa formación principalmente en castelán, trocará en pouco tempo a súa lingua nai polo castelán. Para dicilo máis claro: o castelán nunca precisará ningunha defensa en Galicia; é a lingua forte.

  1. O galego atópase matematicamente en risco de extinción. Non é unha frase, senón unha realidade. Abonda con coller as series estatísticas de falantes menores de trinta anos para chegar á conclusión de que, se a serie continúa a mesma evolución, en poucas décadas o galego será unha lingua residual utilizada exclusivamente nos eidos político e cultural.

O futuro da lingua
Así pois, non queda máis ca preguntarse se queremos manter viva a nosa lingua ou se queremos deixala morrer. Se a súa supervivencia é o noso degoiro compartido, implantemos a fondo e canto antes o galego no sistema educativo de Galicia. Pero sexamos conscientes de que, aínda que consigamos introducir o galego como lingua vehicular do ensino, non estará garantida a súa supervivencia na sociedade.

En vilas coma Viveiro, Cedeira, Cangas ou Bueu, a maioría dos colexios utilizan principalmente o galego e resulta unha angueira complicada atopar un rapaz que se exprese na lingua do país. É preciso complementar o decreto do xoves pasado e seguir desenvolvendo o Plan de Normalización Lingüística aprobado no Parlamento no 2004 e tan atrasado na súa implantación.

E sobre todo, é necesario artellar un programa continuo de formación, información e concienciación sobre profesores e pais. Porque, precisamente, o futuro da lingua depende da mocidade.

4,55/5 (53 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións