Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Freo á urbanización no Castro

Patrimonio recomenda a conservación do xacemento da Atalaia

A Xunta admite que o máis de medio cento de vivendas previstas é "incompatíbel" coa necesaria conservación dos vestixios arqueolóxicos.

Redacción - 13:35 07/06/2010

"Podería ser un dos asentamentos da época galaico-romana de maiores dimensións da Mariña lucense". Así o recollen os dous expedientes feitos públicos polo equipo técnico da dirección xeral de Patrimonio Cultural ao respecto do xacemento arqueolóxico do Castro da Atalaia, en San Cibrao, no Concello de Cervo. Os documentos sinalan a posición historicamente estratéxica do lugar, á beira do mar, "testemuñado pola abundancia de cerámicas de importación".

Os técnicos de Patrimonio expoñen que a opción de conservación debería valorar a riqueza arqueolóxica destes predios, e a posibilidade de ampliar a intervención en terreos de titularidade pública "e recuperar así un conxunto de notable interese para a historia antiga e medieval da Mariña lucense". Os informes deixan claro que os proxectos de construción de até 58 vivendas no lugar "sería incompatíbel coa conservación dos restos arqueolóxicos".

Posta en valor pendente e exposición no Museo Provincial
Falta por ver se o informe técnico deriva nalgún proxecto concreto para a posta en valor deste espazo. Hai apenas un mes, desde o BNG de Cervo interpelaban ao Goberno ao respecto do futuro do lugar. Recordaban os nacionalistas que foi grazas ao bipartito que en 2007 se paralizaron as obras de construción, malia que xa se arramplara con parte do Castro, comezando a exploración arqueolóxica. O Bloque local repróchalle agora á Xunta que non mova fixa sobre a posta en valor da Atalaia.

Por outro lado, desde este mesmo luns pola tarde queda aberta no Museo Provincial de Lugo a exposición baixo o título 'O Castro da Atalaia: unha mostra excepcional do noso patrimonio'. Unha mostra temática ao respecto do xacemento de San Cibrao organizada polo colectivo Mariña Patrimonio coa colaboración de LugoPatrimonio e Adega e patrocinada pola área de Cultura e Deporte da Deputación de Lugo. A exposición permanecerá aberta até o próximo 20 de xuño.


5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os veciños de San Cibrao falan do xacemento (primavera de 2009)

A península,  marcados con tres círculos negros os deseños dos edificios que se proxectan construír
A península, marcados con tres círculos negros os deseños dos edificios que se proxectan construír
A península da Atalaia entrando no mar, na vila de San Cibrao
A península da Atalaia entrando no mar, na vila de San Cibrao