A veciñanza advirte da destrución causada pola empresa pública Xestur na ampliación do polígono industrial.
Zona afectada polas obras
Arredor de 4 mil metros cadrados de superficie dun xacemento arqueolóxico en San Cibrao, no Concello de Cervo, terían sido afectados polas obras de ampliación dun polígono industrial. A denuncia faina pública o colectivo Mariña Patrimonio, laiándose de que se produza unha nova agresión ao patrimonio apenas a quilómetro e medio de distancia do Castro da Atalaia.
A asociación veciñal fai responsábel do suceso á empresa pública Xestur e sinala que xa lle comunicou ao goberno local e á Consellaría de Cultura o achado do xacemento. No lugar apareceu abundante mostra de fragmentos cerámicos castrexos. Percorrendo o perímetro do lugar, atopáronse uns parapetos defensivos tipicamente castrexos case totalmente destruídos polas obras do polígono. "Suponse que unha obra destas características debería contar cun estudo de impacto medioambiental, que neste caso ou non se fixo ou se fixo mal", quéixanse.