Un mes despois da explosión e afundimento da plataforma petroleira, a empresa responsábel da traxedia aceptou pagar unha factura de 75 millóns de dólares.
British Petroleum (BP) aceptou pagar unha indemnización de 75 millóns de dólares polo vertido que provocou a explosión e o afundimento hai 33 días da plataforma do Golfo de México. O pago é o máis elevado previsto pola Lei de Contaminación Petroleira, promulgada en 1990 nos Estados Unidos, despois do vertido ocasionado pola Exxon Valdez en Alaska, un ano antes.
Mentres en Galiza o naufraxio do Prestige non deixou máis que subvencións por parte do Estado, que cinco anos despois do accidente ascendían a 415 millóns de euros en indemnizacións a mariñeiros, selado do buque e limpeza do chapapote, nos Estados Unidos foi o propio goberno quen impuxo o pago á empresa petroleira. Anunciouno o secretario do Interior, Ken Salazar, despois de reunirse cos directivos da compañía.
A maiores, BP comprometeuse a informar con transparencia sobre o vertido, xa que dende o pasado 20 de abril, o pozo segue vertendo máis de 800 mil litros diarios a máis de 1.500 metros de profundidade no Gollfo de México. British Petroleum amosará na súa páxina web un vídeo en directo sobre o vertido.