Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cinco anos de pontificado: Luces e sombras

O "carisma" do papa Wojtyla ofusca o Ratzinger "intelectual"

Victorino Pérez Prieto, Segundo Pérez López e Andrés Torres Queiruga analizan os cinco primeiros anos de Bieito XVI á fronte do Vaticano.

Fernando Arrizado - 08:15 22/04/2010
Ratzinger co finado Xoán Paulo II

Ratzinger co finado Xoán Paulo II

Luns, 19 de abril: un lustro de papado. Bieito XVI, porén, non está para celebracións. Os casos de supostos relixiosos pederastas dentro da Igrexa Católica abrollan como cogomelos e os indicios apuntan a que no pasado Joseph Ratzinger non estivo polo labor de os denunciar publicamente, ben máis ao contrario.

Aínda que o tema da pedofilia eclipsa todo o demais, nin é unha novísima cuestión, nin tampouco é a única polémica desatada nestes últimos cinco anos arredor da figura do ex Prefecto da Congregación para a Doutrina da Fe, látego de teólogos disidentes.

"Reforzou as correntes máis conservadoras como os lefebvrianos e condenou os movementos sociais de base, meteu a pata con musulmáns e xudeus, e nos casos de pederastia preferiu continuar co tradicional ocultismo do Vaticano", sinala Victorino Pérez Prieto, ex director de Irimia, doutor en Teoloxía e crego ao que o arcebispado de Santiago prohibe oficiar misa por estar casado.

Tampouco todo son puntos negros, tal e como defenden moitos dentro da Igrexa, incluso entre os que a priori poderían ser máis críticos con este pontificado. Non hai dúbida, no entanto, de que os posíbeis logros impulsados desde a cadeira de San Pedro ou ben non son tales ou ben non foron ben explicados.

Ao respecto, Segundo Pérez López, presidente da Academia Auriense Mindoniense de San Rosendo e ex director do Instituto Teolóxico Compostelán, considera que "non podemos, na era da comunicación telemática, seguir con formas de comunicación trasnoitadas no fondo e na forma". Boa parte do desprestixio da última época vén pola "falla da información que fornece o Vaticano" e por "certa animadversión inxustificada cara á persoa de Bieito XVI" que, no caso concreto dos casos de pederastia, foi "o mais coherente e sincero en toda a Igrexa".

De feito, os que seguen máis de perto a actividade do actual Papa considérano bo nas distancias curtas, mais non tanto nos discursos e actos públicos. Neste sentido, o "carisma" do seu predecesor, Xoán Paulo II (nado, Karol Wojtyla) non axuda máis que a acentuar as súas propias carencias.

"Doutrinalmente están moi próximos, dado que Ratzinger está detrás da maioría dos grandes documentos de Xoán Paulo II", afirma Pérez López. A nivel político, fronte ao "dominio da posta en escena" do polaco, Bieito XVI "é unha persoa humilde que busca o diálogo persoal e cultural coas outras relixións, confesións cristiás e, mesmo, cos agnósticos e ateos". "Os romanos din que a xente ía á praza de San Pedro para ver a Xoán Paulo II, e agora van para escoitar a Bieito XVI", comenta como anécdota.

Mala diplomacia

Pola súa banda, o prestixioso teólogo e escritor Andrés Torres Queiruga defende que "no aspecto político, (Bieito XVI) dixo cousas que non son diplomáticas, aínda que moitas sexan certas". "Xoán Paulo II tiña moito olfacto político", apunta, mais considera a Ratzinger, profesor educado en Alemaña, "máis intelectual". Neste senso, afirma que está a cumprir co obxectivo que se marcou de ser un "papa teólogo", deixando "moi claro que pensa a Igrexa", se ben "collendo o menos aberto do Concilio Vaticano II".

Na súa visita a África, e dentro desta serie de comentarios pouco acertados, tivo unha grande repercusión a referencia a que "a sida non se combate con preservativos". Torres Queiruga -ao igual que outros relixiosos favorábeis ao uso de profilácticos nestes casos- considera que "non se recolleron ben as súas palabras". "Hai moita ideoloxía detrás diso. No que o Papa defende hai unha verdade seria: que non abonda cos condóns, que cómpre unha cultura humanizadora, de certa contención sexual e de respecto á muller", explica.

O mesmo -pensa- ocorre en parte coa polémica da pedofilia: "A Igrexa ten que meditar e facer penitencia, mais tamén os medios de comunicación deben insistir en que se trata dun problema xeral, de toda a sociedade". Recorda, ao fío, que "a porcentaxe de abusos é horribelmente xeral, mesmo dentro da familia" e que aínda que "non hai desculpa", centrarse tan só na Igrexa Católica, descoidando a vixilancia doutros colectivos, levaría a unha "grave indefensión" das crianzas.

Amósase máis crítico en xeral Vitorino Pérez Prieto, sobre todo preocupado por que as posíbeis polémicas que suscita Bieito XVI danen a imaxe da Igrexa. "A Igrexa ten cousas moi boas, o peor é a corrupción nas altas esferas, e a sociedade ten que ver que a Igrexa é máis ca Bieito XVI", afirma. "Tamén o socialismo real e o marxismo se explican máis alá das purgas do stalinismo", exemplifica.

Retos
Para Pérez Prieto, o futuro da Igrexa Católica pasa por "acabar coa estrutura piramidal e autoritaria" e por "impulsar a organización en rede". "Xesús quería que fose circular, e San Pedro non era un superpapa, escoitaba a xente", destaca. E sobre todo, recorda, que "sexa quen sexa quen estea á fronte do Vaticano sempre será unha persoa falíbel", polo que cómpre "escoitar distintas opinións e deixar espazos para a discrepancia", conclúe.

En certa medida concorda Segundo Pérez López, cando afirma que "hai unha problema interno de corresponsabilidade e participación de todos os membros da Igrexa nos seus proxectos e estruturas, que deberían ser revisadas con criterios máis evanxélicos". Ademais, é favorábel a abordar "a función da muller dentro da Igrexa", e a afrontar canto antes "o reto do dialogo ecuménico" e "coa sociedade" en xeral.


4,58/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: