Durante a maior parte da historia vivimos en aldeas e vilas nas que as aparencias eran fundamentais na convivencia diaria. Moito máis grave que facer algo mal era a súa publicidade. Avanzoullo o César á súa muller: “Non é cuestión de ser honesta, senón de parecelo”. E continuouno, moito tempo despois, Jean Paul Sartre: “O inferno son os outros”.
Tendo en conta que a propia vida dunha persoa se fundamenta en boa parte na imaxe que dela teñen os seus veciños, a mellor forma de manterse en estado de graza social é defender contra vento e marea a bondade e honestidade das nosas accións, a nosa “honra”, o noso creto.
Nunha sociedade global, na que se nos convence cada día de que a imaxe vale máis cá realidade, o aparentar máis có ser, esa realidade repítese diariamente, tanto na xente pública como nas organizacións e institucións. Certamente cando a un partido político se lle descobren tramas corruptas nas contas propias e públicas que xestionaron durante anos, prodúcese unha creba nun elemento fundamental da democracia: a confianza que necesitamos os cidadáns nas persoas ás que lles encomendamos xestionar os millóns de euros conseguidos co esforzo de todos.
Algo semellante pasa coas dúbidas e desconfianzas nunha dunha Institución que ocultou e permitiu que abusadores de menores seguisen exercendo de cregos ou educadores preto das súas vítimas. Non parece que o peso da evidencia se poida minorar o máis mínimo acusando ao inimigo de organizar unha conspiración.
Pero vemos como partidos ou institucións que son acusados de condutas reprobables non adoitan tomar a decisión de recoñecer as súas faltas. Prefiren xogar ao despiste e mirar para outro lado, confiando en que as evidencias perdan peso e se convertan en rumores, en comentarios malintencionados, en campañas. Aceptar a culpa seica é evidenciar fraxilidade.
A cuestión é se a confianza e a verdadeira fortaleza se gaña mantendo como sexa a aparencia mediante o mecanismo de culpar a inimigos externos e declarar que hai campañas en contra da propia organización ....ou, máis ben, recoñecendo e rectificando os erros, indo ao fondo do asunto e xerando os cambios necesarios.