Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN LUGO

Denuncia pola actuación policial contra unha inmigrante arxentina

O Foro Galego de Inmigración exixe unha entrevista urxente co subdelegado do goberno español para que explique unha actuación "irregular" na Comisaría.

Redacción - 09:00 09/03/2010

A denuncia formúlaa o Foro Galego de Inmigración, logo de que unha arxentina que reside en Lugo dende hai dous anos lle fixese chegar a súa experiencia.

Segundo explica esta muller, en outubro de 2009, logo de presentar a documentación precisa para contraer matrimonio coa súa parella no Rexistro Civil, foi citada para presentarse ante a Comisaría "para responder unhas preguntas relacionadas coa voda". Alí foi detida e iniciouse un procedemento de expulsión ao tempo que á súa parella lle comunicaron que sería sancionado cunha multa "por vivir cunha persoa en situación de irregularidade administrativa".

Verónica, que así se chama a arxentina, lamenta ante todo o trato recibido no que considera como "as peores catro horas da súa vida": "como se fose unha delincuente", di, "negáronme un vaso de auga e acompañáronme ao baño mantendo a porta aberta". Asemade explica que "tampouco lles gustou que a miña parella buscase un avogado, xa que preferían que actuara o de oficio".

A maiores, denuncia que a Comisaría aínda lle ten a día de hoxe o pasaporte retido. Daquela continuou cos trámites para o matrimonio, que se fixo oficial en decembro do ano pasado mais, segundo denuncia, na Comisaría non costa a solicitude do pasaporte. Así, agora só dispón dunha fotocopia compulsada deste documento, insuficiente para saír do país ou mesmo para efectuar xestións bancarias.

Entrevista urxente
Ante esta situación, o Foro Galego de Inmigración pediu unha xuntanza urxente co subdelegado do goberno español en Lugo para "clarexar a actuación policial" neste episodio. Denuncian o tratamento "pouco axeitado" e exixen "unha desculpa oficial para esta persoa, residente e plenamente integrada en Lugo". Consideran ademais "intolerábel" o atraso na entrega do seu pasaporte e piden unha solución inmediata.

Finalmente, solicitan información das "posíbeis sancións derivadas dos feitos tanto para os funcionarios responsábeis do trato pouco axeitado como do atraso na entrega do pasaporte"


Ligazóns

5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: