Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LEI DE ESTRANXEIRÍA

Os colectivos sociais contra o endurecemento da política de inmigración

Organizacións como o Foro Galego de Inmigración ou Amnistía Internacional alertan de que non garante a protección de dereitos humanos.

Redacción - 13:15 30/10/2009

As críticas non se deixaron agardar logo de que o Congreso español aprobase a reforma da Lei de Estranxeiría. A proposta contou cos votos a favor do PSOE, CIU, Coalición Canaria e PNV. Pola contra, foi rexeitada, por diferentes motivos, polo PP (que adiantou que a modificará en canto chegue ao poder), IU-ERC-ICV e UPyD. Pola súa parte, o BNG abstívose na votación.

O Foro Galego de Inmigración (FGI), Amnistía Internacional (AI), a Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR) ou Cáritas xa amosaron o seu malestar por unha lei que entenden que recorta os dereitos dos inmigrantes, criminaliza ás persoas que se atopan en situación de irregularidade administrativa e non garante a protección dos dereitos humanos.

Padrón municipal, elemento de control
Entre os temas que máis preocupan aos colectivos sociais atópase que se siga empregando a inscrición no padrón municipal como medio de control migratorio, cando é un requisito indispensábel para acceder á sanidade e á educación. Entenden que este mecanismo abre a porta á persecución social ao inmigrante irregular, "que pasa de vítima a perigo público" ao tempo que alertan de que moitas persoas que non teñan a súa situación legal no Estado Español perderán o acceso a eses dereitos básicos.

Centros de acollida
Outra cuestión é o endurecemento das condicións de internamento nos centros de acollida para aquelas persoas que o estado desexe expulsar do Estado Español. O tempo que poden permanecer retidas pasa de 40 a 60 días e mesmo pode chegar a ser ilimitado se se suspende a súa execución por diversos motivos como a enfermidade do interno. "O internamento debería ser o último recurso", din dende o FGI, "deben empregarse outras medidas cautelares". Recordan que esta medida sitúa ao goberno español entre os máis duros na aplicación da "Directiva da Vergoña".

Reagrupación familiar
Ademais, restrínxese o dereito á vida en familia ao dificultarse a reagrupación de ascendentes que non alcancen a idade de xubilación. Esta é outra das medidas que preocupa aos colectivos sociais, que inciden no "interese do executivo por un perfil de inmigrante que traballe, mais que consuma poucos recursos sociais, que sexa man de obra barata pero que non dea problemas".

Violencia contra as mulleres
Finalmente, outro tema negativo da lei para estas organizacións é o relativo á violencia de xénero que, malia algunhas melloras como o artigo específico para as vítimas da prostitución, permitirá que as mulleres en situación irregular que sexan vítimas de violencia de xénero poidan ser obxecto dun expediente de expulsión en paralelo á súa denuncia por maltrato. Esta cuestión xerará, en opinión de AI, un efecto desincentivador da denuncia e lamentan "que se supedite a protección dos dereitos humanos destas mulleres á súa situación administrativa".


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Recuperamos un vídeo elaborado por Vieiros da manifestación celebrada en Compostela no pasado mes de xuño

Manifestación convocada polo FGI exixindo cambios no Anteproxecto da Lei de Estranxeiría (Santiago de Compostela)
Manifestación convocada polo FGI exixindo cambios no Anteproxecto da Lei de Estranxeiría (Santiago de Compostela)