Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
REXEITAN A REFORMA DA LEI

O Foro Galego de Inmigración valora negativamente a xuntanza coa secretaria de Estado

Denuncian que a receptividade de Consuelo Rumí foi nula e que mesmo deslexitimou ao Foro como interlocutor.

Redacción - 18:45 07/07/2009

Representantes do Foro Galego de Inmigración, que reúne máis de 80 asociacións e entidades de todo o país), mantiveron este luns unha xuntanza en Caldas de Reis coa Secretaria de Estado de Inmigración, Consuelo Rumí, para presentarlle as súas propostas en relación coa reforma da Lei de Estranxeiría. A valoración que o colectivo realiza do encontro é "negativa", pois "non houbo interese por atender as nosas propostas, nin amosou a Secretaría de Estado receptividade algunha cara ás mesmas"; os representantes das asociacións denuncian que Rumí "mesmo tentou deslexitimar ao Foro Galego de Inmigración como interlocutor".

O Foro basea a súa oposición á reforma da Lei no seu "carácter restritivo", sobre todo pola "importante limitación" que introduce no "reagrupamento familiar para ascendentes de residentes", que só se permite para os  de longa duración (5 anos de estancia). Así mesmo, a reforma abriría a posibilidade de repatriación de menores inmigrantes basándose na garantía dos servizos de atención a menores dos países de orixe, posibilidade moi discutíbel no caso de países como Marrocos, por exemplo. A lei tamén recollería "o intolerábel aumento de prazo de estancia nos centros de internamento de estranxeiros até os 60 días" (antes eran 40). Finalmente, o Foro denuncia que o espírito da lei "basease na persecución sistemática da poboación inmigrante en situación de irregularidade administrativa e no peche das fronteiras".

Canda a estas críticas, o Foro realiza unha serie de propostas para mellorar a Lei, coma o estabelecemento dun "modelo único de autorización de residencia (que habería que renovar periódicamente), que permitira sempre traballar e sen as actuais limitacións xeográficas ou de ocupación". Así mesmo, segundo o Foro, a reforma debe estabelecer "de forma clara" que as persoas en situación de irregularidade administrativa cometen unha falta administrativa pola que deben aboar unha determinada multa, "pero non ten sentido a incoación de procedementos de expulsións para estas persoas que non cometen delicto algún". Finalmente, o Foro esixe a eliminación dos Centros de Internamento e a inclusión de clausulas que garantan o tratamento dos traballadores inmigrantes como vítimas, con dereito preferente e efectivo para obter autorizacións de residencia e traballo, nos casos de explotación laboral destes traballadores.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: