O concello converteuse no segundo de toda Galiza en aprobar unha moción contra as corridas de touros.
Nunha sesión plenaria da que os medios de comunicación locais só destacan a aprobación dos orzamentos municipais, o concello de Vedra converteuse no segundo municipio de toda Galiza en declararse oficialmente contrario ás touradas.
Foi a pasada semana e a iniciativa só contou co voto a favor da edil nacionalista, Fina Guitián. Mentres, os demais 12 concelleiros que conforman a corporación municipal (seis do PSdeG, cinco do PPdeG e un de Terra Galega) abstivéronse.
Campaña en marcha
Esta moción foi posíbel grazas á plataforma "Galiza, mellor sen touradas" (GMST), que está a promover iniciativas similares en concellos de todo o país, para que se declaren contrarios aos festexos taurinos. Cangas fora no pasado mes o primeiro municipio galego en declararse "vila contraria ás corridas de touros e amiga dos animais". Agora é secundado por Vedra, un dos 20 municipios nos que GMST promoveu esta campaña, que se enmarcou no lema "Queres que a túa cidade se declare abolicionista?". Canda Vedra tamén se debaterá o tema en Compostela, Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Narón, Noia, Ribadeo, Monforte, Redondela, Fene, Vedra, Arteixo, A Guarda, Boiro, Ribeira e A Pobra do Caramiñal.