A CIG denuncia que a traballadora sufriu un acoso laboral sistemático dende que pediu exercer o seu dereito á conciliación familiar.
A CIG considera que o despedimento obedece a un caso claro de "mobbing"
A CIG denunciou este venres que a empresa Autobuses de Calo (Hedegasa) despediu a unha súa condutora, Nélida Pisco, por ter esixido unha redución de xornada para o coidado de fillos. O sindicato xa denunciara hai semanas a situación de “acoso laboral” que padecía a empregada.
Segundo os seus representantes, cando Nélida Pisco pediu unha xornada de conciliación familiar, a empresa intentou convencela de que deixara o posto e se dedicara á súa filla asegurando que despois a volverían contratar. A operaria negouse e quixo facer valer os seus dereitos.
É a partir dese momento cando a condutora afirma que comeza unha serie de “discriminacións e ameazas”. A empresa denegoulle a redución de xornada, as vacacións pendentes e as horas de lactación, aínda que posteriormente un xulgado recoñeceulle estes dereitos. A partir do comezo do conflito, a CIG asegura que a empresa lle negou a posibilidade de compartir os espazos comúns e prohibíuselle falar cos compañeiros.
Entre outros motivos para o despedimento a empresa alega o feito de que se fixese público o conflito. Hedegas tabralla para administración pública, nomeadamente no transporte escolar, por iso a CIG pídelle á Xunta que faga presión para obrigar a readmitir á traballadora. Mentres tanto, a central nacionalista anuncia que emprenderá accións legais contra a empresa.