Abre o debate territorial que culminará o Parlament e que, en última instancia, requirirá da modificación de leis estatais para suprimir as deputacións.
O goberno de Cataluña aprobou este martes os proxectos de lei de creación das vegueries (demarcación territorial histórica deste país) e da área metropolitana de Barcelona, o que abre un debate territorial que culminará o parlamento catalán e que, en última instancia, requirirá da modificación de leis estatais para suprimir as deputacións.
Segundo informan as axencias estatais e recollen os medios cataláns, a proposta da nova organización territorial de Cataluña en sete vegueries foi presentada ante os medios polo presidente catalán, José Montilla, e o conselleiro de Governació, Jordi Ausàs, que se valora como unha escenificación de unidade interna logo dunha complicada tramitación no seo do tripartito.
O proxecto propón a creación das vegueries de Terres de l'Ebre, Barcelona, Lleida, Alt Pirineu i Aran, Catalunya Central, Girona e Camp de Tarragona, demarcacións sobre as que a Generalitat non propón capitais, deixando a polémica cuestión ao trámite parlamentario.
Lleida, Tarragona e Barcelona, partidas en dous
Desta forma, a provincias de Lleida, Tarragona e Barcelona deberán dividirse en dúas cada unha delas, co que as catro deputacións provinciais deberán dar paso a sete Consells de Vegueries, mentres que a nova Área Metropolitana de Barcelona aglutinará 36 municipios.
O goberno catalán inclúe unha disposición transitoria para recoñecer a singularidade do Aran, que manterá relacións directas coa Generalitat e será tida en conta á hora de fixar a súa relación co Consell de Vegueria.
Máis información: