Valerià Paül Carril (Barcelona, 1979) é licenciado en xeografía pola Universitat de Barcelona (2001) e doutor pola mesma universidade (2006), cunha tese sobre a ordenación dos espazos agrarios da rexión metropolitana de Barcelona. De nai galega, mantén unha forte vinculación con Galiza. Na actualidade traballa como profesional autónomo, desenvolvendo varios proxectos de planificación estratéxica e territorial, e estuda filoloxía galega na Universitat de Barcelona. Publicou en revistas internacionais, españolas, catalás e galegas –Journal of Environmental Planning and Management, Ería, Revista de Geografia, Abalar, etc.- e coordinou o libro Paisaxes Galegas | Versión 2005. Unha escolma plural de olladas ás paisaxes de Galiza, editado polo Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (2006). Os seus principais eidos de investigación son a paisaxe, a xeografía agraria, e a ordenación e a organización territoriais.Unha entrevista de Fina Iglesias.
Aprecian os galegos a súa paisaxe? E os cataláns?
En Galiza existe unha fonda sensibilidade cultural pola paisaxe, se cadra debido á pegada deixada polo Rexurdimento. Porén, a súa xestión foi moi lesiva. Aludir á sensibilidade galega pola paisaxe devén frecuentemente un tópico baleiro de contido e pouco máis ca unha proclama de bágoa doada, incluíndo as citas fáciles de Rosalía. Por exemplo, a xente emociónase con esta poeta, mais ninguén se decata que a paisaxe que ela glosou está completamente perdida.
No tocante a Cataluña, seica existe unha menor sensibilidade nacional pola paisaxe –polo menos en comparación con Galiza. Porén, as administracións, sobre todo presionadas pola sociedade civil do país, tiveron unha acción máis decidida na súa protección, xestión, ordenación, etc. É certo que fica moito por facer e que, desde dentro de Cataluña, podemos dicir moitas cousas, mais unha comparación con Galiza neste eido é irresistíbel...
Cres que a paisaxe e mais o clima moldean o carácter dos habitantes dun país ou é un tópico máis do romanticismo?
Todos estamos educados nun sistema de valores, de pensamento, de sentimentos e de opinión concreto, o que implica que tendemos a percibir o medio que nos envolve dun xeito determinado. É certo que os galegos temos unha determinada relación coa nosa paisaxe, e co noso clima, mais non son da opinión que eses elementos moldeen ou xustifiquen o noso carácter. Outra cousa é que nós situemos paisaxe e clima no cumio dos elementos que nos definen como pobo, mais iso é unha escolla fondamente cultural. No entanto, si que é verdade que o medio nun sentido amplo, e, polo tanto, tamén o clima, inflúen nos xeitos de vivir tradicionais do país, como moi ben puxeron de manifesto o xeógrafo Otero Pedrayo ou o arquitecto Pedro de Llano ao estudar o hábitat das distintas bisbarras.
É posíbel o equilibrio entre as paisaxes naturais e a urbanización?
"Paisaxes naturais" propiamente ditas, en Galiza, non fica ningunha. Por exemplo, os soutos que hoxe nos semellan tan fermosos tiveron unha xestión tradicional con moita sabedoría popular. As paisaxes galegas, xa que logo, son eminentemente culturais. O que implica que, na ordenación e na xestión do territorio, sempre hai que ter moi en conta as persoas que traballan e viven nelas (ou que as gozan). Os lumes deste verán poñen de manifesto que non se deben repetir os erros do pasado –cómpre limpar o monte, reforestar con especies autóctonas, etc.- e asemade que hai que planificar as intervencións no territorio dialogando cos habitantes e cos propietarios dos montes, que de feito son os primeiros interesados en que os bosques non se degraden. O equilibrio entre a Galiza urbana e a Galiza rural requíreo; non digo que sexa doado, mais hai que tentalo.
Cres que a inclusión de explotacións agrarias nos territorios naturais protexidos é unha contradición?
Non tería que ser. De feito, é recomendábel que haxa presenza humana, cando menos por dous motivos: dunha banda, porque iso garante que o espazo protexido é defendido tamén polos habitantes, pois nel poden gañar a vida e polo tanto eliminamos riscos como os lumes (asegúrovos que aquelas carballeiras que son rendíbeis, que se explotan e que dan cartos, arden moito menos); doutra banda, porque se poden conservar as paisaxes culturais, que desde o punto de vista da biodiversidade e do territorio en xeral son moito máis ricas e interesantes.
As iniciativas de ordenación territorial moitas veces atopan resistencia nos colectivos civís... Cres que a sociedade protesta por sistema? Cres que é necesaria máis comunicación entre a administración e os veciños?
Que a sociedade proteste está moi ben, eu defendín na miña tese de doutoramento que estas protestas son un indicador da saúde da democracia: canto máis organizada e viva está a sociedade civil, máis control se ten sobre os responsábeis políticos, que se deben afacer a que un voto non é un cheque en branco. O que cómpre é que a administración saiba pactar con todos os intereses en xogo, que non se decante sistematicamente por un dos axentes ou actores, como aconteceu, por exemplo, en Galiza coa cuestión das minicentrais; no tocante a este tema, a Xunta fartouse de aprobar proxectos de minicentrais de xeito automático, segundo os presentaban as empresas do sector, sen escoitar o territorio.
Es partidario de integrar na paisaxe os parques eólicos e outros sistemas de enerxías renovábeis?
Eu non estou en contra dos parques eólicos nin tampouco das enerxías renovábeis, mais hai algunhas precisións a facer. A primeira: non todos os emprazamentos son aceptábeis, non podemos postular un "todo vale"; as turbeiras do Xistral non son o mellor sitio de Galiza para instalar parques eólicos, por pór un exemplo de entidade. A segunda: Galiza é excedentaria en produción eléctrica, boa parte da cal é limpa –hidroeléctrica- e xa pagou unha peaxe considerábel coa destrución sistemática dos grandes ríos (e o asolagamento dalgúns dos mellores vales): temos que pagar outra peaxe, nós, para unha enerxía que consumirán fóra? A terceira: eu estaría de acordo con acadar máis produción de enerxías renovábeis se iso significase descartar absolutamente as enerxías contaminantes que hai no país, mais non teño claro que se queiran reducir as formas de produción enerxética contaminantes, por motivos, entre outros, de tipo laboral.
Fálanos diso que ti chamas "xeografía real"...
Con demasiada frecuencia, a xeografía está absolutamente desvinculada do mundo real. En xeografía, como en todas as ciencias, hai que se relacionar coa xente. Os coñecementos están para resolveren problemas concretos, para axudaren ao desenvolvemento das comunidades –e, no caso da xeografía, dos territorios.
Como ves a coexistencia das demarcacións provinciais e comarcais en Galiza?
As provincias en Galiza son un artificio que xera moitos problemas e opacidades, como por exemplo evidencian o sistema de elección dos deputados provinciais e da súa presidencia. A falla de control político real por parte da cidadanía e a recorrencia de prácticas reprobábeis, coñecidas dabondo pola prensa, en especial nas dúas deputacións do interior de Galiza, fan que, baixo o meu punto de vista, as deputacións terían que ser reformuladas amplamente, mesmo suprimidas. Coido que as deputacións moitas veces non son máis ca un contrapoder ao goberno da Xunta, cuns recursos económicos altos subministrados directamente polo Estado.
As comarcas son unha esperanza latente que até o de agora non pasou de ser unha experiencia tecnócrata e, por certo, a través dun mapa comarcal mellorábel.
Se me preguntas por unha proposta organizativa, eu sonche moi municipalista no ámbito urbano, coido que aí as cidades e as áreas metropolitanas funcionan moi ben; e son moi parroquialista no rural, en especial cando a influencia das vilas e cidades fica lonxe, porque a parroquia é a comunidade que verdadeiramente funciona, aínda hoxe, malia o paso do tempo e o avellentamento demográfico. En troques, creo pouco nos concellos rurais e nas comarcas de laboratorio, e nada nas demarcacións provinciais.
As vegueries en Cataluña: unha solución para a organización territorial ou outro escollo administrativo máis?
De se aproveitaren ben, e no contexto da oportunidade histórica que representa abordar a reforma dun mapa administrativo herdado do século XIX e imposto desde fóra, poden ser unha solución moi axeitada. Porén, non teño claro que os partidos –no goberno e na oposición- en Cataluña estean interesados verdadeiramente en cambiar o rumbo da organización territorial do país, por diferentes motivos. Eu coido que o que é fundamental no tocante ás vegueries é que estas supriman provincias e deputacións; xurdan dun exercicio honesto, profesional e apartidista do que é Cataluña; e, sobre todo, que estean de acordo co que sente a poboación. Hai moitas persoas, por exemplo, que nestes momentos desconfían das reclamacións dos partidarios dunha vegueria para o Penedès ou para o Alt Ter. Non podemos reproducir erros do pasado, non podemos impor mapas: temos que debater, chegar a acordos e camiñarmos xuntos.
--------------------------------
A TÚA ESCOLMA:
O monte ou a praia?
Eu, mais isto é moi persoal, sempre o monte. E, de ter que escoller, sen dúbida que o Penagache.
O/A poeta da paisaxe
Sempre estiven fascinado pola prosa de Méndez Ferrín sobre o meu país: a Terra de Celanova, a Baixa Limia, o Arnoia, a raia seca... malia non ser estritamente poesía, acho que Méndez Ferrín foi quen de crear unha imaxe do territorio, unha prosa que se converte en poesía paisaxista, moi rica para as comarcas que eu sinto como máis próximas, dificilmente atopábel noutros recunchos da nación.
Unha planificación territorial modélica
Para min non a hai. O que é modélico é non ter modelo e –iso si- ir traballando para o procurar, coa aprobación de instrumentos sucesivos que se vaian mellorando coa praxe. O problema precisamente xorde cando non se traballa, cando non se procura, ou cando todo fica reducido á existencia dun plan "modelo" –ou "estrela"- que logo ninguén é quen de modificar, nin de xestionar ou mesmo aprobar.