O Merlín de literatura infantil e o Xerais de novela daranse a coñecer o 12 de xuño. A recepción de candidaturas remata dous meses antes.
Edicións Xerais de Galicia abre a convocatoria dos seus premios literarios anuais. O Xerais de Novela, dotado con 25 mil euros, chega á súa edición número 27, mentres que o Merlín de Literatura Infantil, cunha contía de 10 mil euros, acada o seu 25º ano. Os dous premios daranse a coñecer na Festa Xerais, prevista para o 12 de xuño.
O prazo de recepción de candidaturas, tanto para o Xerais como para o Merlín, remata o 12 de abril. Na edición de 2009, Rosa Aneiros fora a gañadora do galardón de novela, coa obra Sol de inverno; mentres que o de literatura infantil recaera en Jacobo Fernández Serrano, por Mil cousas poden pasar.