Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NOS ÚLTIMOS TRES ANOS

Menos dun 13% das mulleres explotadas sexualmente denuncian os seus verdugos

Un informe policial revela que os aeroportos galegos son o punto de entrada das vítimas das redes sexuais.

Redacción - 18:33 18/01/2010
Núñez Feijoo e Carlos Varela asinaron o protocolo de colaboración

Núñez Feijoo e Carlos Varela asinaron o protocolo de colaboración

Entre 2005 e 2008 un total de 234 mulleres explotadas sexualmente declararon estar sometidas a redes de traficantes en Galiza. Por outra parte, nestes mesmos tres anos, o número de mulleres identificadas en operacións das forzas e corpos de seguridade do Estado e susceptíbeis de seren vítimas das redes de explotación sexual foi de 1.847, unha cifra que proporciona en moitos casos beneficios de até 600 mil euros anuais. Estas estatísticas, elaboradas pola Fiscalía Superior do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) revelan que tan só un 12% das mulleres explotadas sexualmente dan a voz de alarma, vítimas ademais do medo ás posíbeis represalias por parte dos seus explotadores.

Acordo para que se cumpra a lei
Á luz destes datos, a Fiscalía e maila Xunta subscribiron un acordo para reforzar a súa colaboración e poder protexer as vítimas dos traficantes facilitando o permiso de residencia ás mulleres irregulares que colaboren na erradicación destas redes, un dereito que teñen recoñecido pola propia Lei de Estranxeiría.

Segundo o fiscal superior de Galiza, Carlos Varela, este protocolo incidirá nos puntos nos que “a operatividade se vea cuestionada” e evitar o que é un verdadeiro problema, que moitas das vítimas das mafias que denuncian acaban por mudar a súa declaración chegado un xuízo ou mesmo non acoden a testificar.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, asegurou que se tratará de “axilizar” os beneficios das vítimas que colaboren na “erradicación desta lacra”, en referencia ao dereito que teñen estas mulleres de obter os papeis, caso de ser inmigrantes ilegais. Nesta liña, asegurou que o camiño será o de “aproveitar ao máximo os recursos legais e conseguir axuizar aos delincuentes”.

Galiza, punto de entrada
Varela asegurou tamén que os seus informes policiais revelan que parte das rutas empregadas polos traficantes para o transporte das súas vítimas ten como punto de entrada na península os aeroportos galegos, o que provocou xa  un aumento de control dos voos procedentes de outros países.Asegurou que esta actividade delituosa aproveita as correntes migratorias internacionais e estase a converter na actividade criminal de maior crecemento na Unión Europea.

Porén, o fiscal asegurou que os órganos policiais, xudiciais e asistenciais ven dificultado o seu traballo en ocasións para determinar os casos nos que se está a producir un delito, xa que moitas vítimas “consenten nun principio ser trasladadas ilicitamente dun estado a outro, mais despois son enganadas ou forzadas a soportar as situacións de explotación”.

  • Podes ler aquí máis detalles sobre o Protocolo de actuación institucional sobre adopción de medidas de prevención, investigación e tratamento ás mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: