O Concello da Coruña, alleo durante anos ás iniciativas de coordinación municipal, camiña agora moi lentamente cara ao Consorcio das Mariñas.
Nove concellos integran na actualidade o Consorcio das Mariñas
No camiño cara á "optimización de recursos" en favor do interese dos veciños, non hai volta atrás na vontade do Concello da Coruña de integrarse no Consorcio das Mariñas. Así se entende das declaracións do alcalde da cidade herculina, o socialista Xavier Losada, este mesmo luns. Así e todo, o municipio coruñés avanza moi lentamente nesa integración. O último dos prazos estabelecidos prognosticara que a finais de 2009 estaría xa en vigor a nova entidade supramunicipal, berce da futura área metropolitana.
Recordámoslles que toda vez que durante os mandatos de Francisco Vázquez a metrópole permaneceu allea á iniciativa de coordinación conxunta integrada por unha decena de concellos do contorno, a viraxe chegou en 2008 logo da conformación do novo goberno de coalición na cidade. Mais aínda que vai para dous anos desde que o goberno municipal coruñés expresou a súa vontade de unirse ao proxecto, o proceso non callou polo de agora. O atranco aparece agora mesmo no documento achegado polo Concello d'A Coruña para esta integración, que acaba de ser rexeitado polos nove municipios integrantes do Consorcio das Mariñas (Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada).
Un dos puntos en conflito é o peso do voto de cada un dos representantes municipais. Segundo a proposta dos actuais integrantes, ese poder de decisión debera ir parello á propia achega económica de cada un dos concellos. En todo caso, o rexedor coruñés afirmou ver normais as discrepancias xurdidas e asegurou estar convencido de que non serán obstáculo para o acordo final.