Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Priorizará a de Vigo

Feijoo escúsase na ausencia de propostas para aparcar a área metropolitana da Coruña

O Concello recibe a vindeira semana o presidente e achegará proposta metropolitana. Ao tempo solicitan que a Xunta non trate a comarca como veciños "de segunda".

Redacción - 09:00 15/07/2009
Xavier Losada, alcalde da Coruña, achegará proposta de área metropolitana a semana próxima

Xavier Losada, alcalde da Coruña, achegará proposta de área metropolitana a semana próxima

A inexistencia de propostas concretas "enriba da mesa" foi argumento este martes para o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, á hora de xustificar a inexistencia de novidades ao respecto da área metropolitana da Coruña. Na mesma semana que se coñece a intención da Consellaría de Presidencia de acelerar a conformación da área metropolitana de Vigo, Feijoo escúdase así na ausencia dunha base legal elaborada como, subliña, sería o caso da comarca viguesa, onde até catro propostas diferentes chegaron á mesa nos últimos anos.

Neste contexto, o alcalde da cidade herculina, Xavier Losada, insistía na necesidade de que o proxecto para a área coruñesa sexa relanzado e falaba dunha metrópole que abranguería alén da Coruña as zonas de Bergantiños e Ferrolterra. Na opinión do rexedor coruñés, esta área metropolitana da Coruña podería ser tramitada simultaneamente á de Vigo.

Con todo, e a preguntas dos xornalistas, Feijoo pronunciouse durante a súa visita este mércores a Oleiros, a un acto organizado polo Club de Economía de Iñás, sobre a necesidade de "avaliar" as propostas que lle cheguen a este respecto, e advertiu da necesidade de que exista un "consenso" entre os concellos implicados. "É fundamental o consenso e a voluntariedade dos concellos que se integren", afirmou o titular do Executivo ao insistir na necesaria "implicación" de todos os municipios que conformen tanto a área metropolitana d'A Coruña como a de Vigo.

Novidades o próximo luns
Ao tempo, confirmouse que o próximo luns, día 20, o presidente da Xunta vai xuntarse co rexedor herculino como parte das reunións que está a manter cos alcaldes das principais cidades. Esta rolda de contactos finalizará o martes, día 21, co alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero.

Feijoo cualificou a cidade herculina como "clave" no desenvolvemento económico de Galiza e sostivo que a Xunta terá en conta "sempre" esta circunstancia "nas súas decisións", afirmou. Así mesmo, sinalou que o seu obxectivo coa reunión que manterá o próximo luns co alcalde herculino será "facer de enlace entre os intereses xerais de Galiza e da Coruña". Previamente a este encontro, Feijóo confirmou que manterá unha reunión cos voceiros dos grupos municipais no Concello. Ao respecto da xuntanza, o alcalde, Xavier Losada, xa avanzou que achegará unha proposta concreta de área metropolitana.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: