O rexedor oleirense, Anxo García Seoane, responsabiliza o alcalde da Coruña de non convocar un pleno nunha entidade inactiva, após a chegada do Consorcio.
Anxo García 'Gelo', alcalde de Oleiros
En decembro do ano pasado, o alcalde da Coruña, Xabier Losada (PSdeG) anunciaba a adhesión da cidade ao Consorcio das Mariñas, palabras encamiñadas a poñerlle fin, polo menos en aparencia, a anos de enfrontamentos e discrepancias entre A Coruña e os gobernos locais da comarca.
Parecía, naquela altura, que o rexedor coruñés descubría, con bastante efusividade -"Os coruñeses queren estar neste consorcio, no Consorcio Metropolitano da Coruña, queremos lideralo, traballar todos unidos", afirmaba-, a área metropolitana, a pesar de que en anos anteriores, o seu concello non apostou pola colaboración e solidariedade na bisbarra, senón máis ben ao contrario.
Nos anos de goberno de Francisco Vázquez, A Coruña permaneceu allea, durante moito tempo, ao proxecto estrela para colaborar e coordinar esforzos no contorno metropolitano, o chamado Consorcio das Mariñas, e o seu propio herdeiro, e, no seu momento, man dereita do rexedor, Losada, tense pronunciado en contra da integración supramunicipal do Consorcio. Mais alén do consorcio, dende a Coruña botáronse abaixo proxectos anteriores, como foi a Mancomunidade de Municipios, unha entidade que da cidade dependía. Durante os seus sucesivos mandatos, Vázquez manifestou o seu desexo de darlle pulo á área metropolitana, mais sempre considerou que debía ser a Xunta, e non o seu goberno, o que liderase o proceso. "Eu quero impulsar a creación da área metropolitana, porque é imprescindíbel, pero depende máis da Xunta que de nós mesmos", explicara o ex rexedor coruñés e actual embaixador español no Vaticano, cando decidía anunciar, en 2003, que non tiña pensado convocar máis xuntanzas da Mancomunidade. Nesta liña acompañábao o actual alcalde, até que mudou de decisión, decantándose polo Consorcio.
Unha mancomunidade esquecida dende o ano 2000
Antes da creación do Consorcio, que agora interesa á Coruña, naceu unha primeira entidade, co obxectivo de aunar políticas comúns ente a cidade e a comarca, a denominada Mancomunidade de Municipios. Este ente, aparecido a comezos dos 80, aínda existe, mais, na práctica, non traballa dende hai nove anos. As súas xuntanzas só poden ser convocadas polo alcalde da Coruña, mais este sistema de mando terminou por resultar pouco eficiente, xa que ao ter un socio máis poder que o resto, creáronse non poucos enfrontamentos entre os concellos que a forman.
A pesar da inactividade da Mancomunidade, esta terza feira volveu falarse dela nos medios de comunicación, cando o rexedor de Oleiros, o independente Anxo García Seoane, lembraba que a entidade lle debe 601.411 euros ao municipio que dirixe. García Seoane culpa desta situación ao alcalde coruñés, como responsábel último de non convocar un pleno para resolver esta situación. De feito, o rexedor oleirense interpuxo un contencioso para axilizar o pago deste débeda, pendente dende o 2000, ano no que se creou o Consorcio.
A cantidade reclamada corresponde a un programa de creación de puntos limpos no que o Concello de Oleiros actuou como xestor, chegando a desenvolver nove parques de reciclaxe por máis de 1,5 millóns de euros.