A plataforma, que agrupa a asociacións católicas de base, pensa que é lóxica a supresión dos símbolos relixiosos.
A Coordenadora de Crentes Galegos deu hoxe un paso adiante ben simbólico. A plataforma, que agrupa asociacións católicas de base, considera que os crucifixos deben desaparecer dos centros escolares de “xeito lóxico e paulatino”. Un seu voceiro, Miguel Fernández, sostivo este martes que “nun Estado laico non debe haber símbolos relixiosos nos ámbitos públicos”. Porén, dende a mesma plataforma piden que os pasos de xeito progresivo.
Fernández tamén criticou abertamente á xerarquía da Igrexa por defender “un só modelo de familia” e pediu que se “aprenda a respectar todas as clases de familia xa que non existe un modelo único”. Dende a Coordenadora de Crentes tamén se solidarizaron cos cregos vascos que criticaron publicamente o nomeamento do bispo de Donostia ao considerar que a decisión “adoptouse de costas ás demandas dos cregos e dos leigos das dióceses de Euskadi”.
A plataforma tamén presentou o Documento da Paz 2009, onde se avalía a situación económica, política e relixiosa actual. De cara ao vindeiro ano, reclaman unha maior preocupación pola crise e o paro e defenden un novo sistema baseado na “banca ética”. Un sistema que apoie proxectos que fomenten o autoemprego, a formación e a axuda ao desenvolvemento. Para isto, avogaron por botar a andar o Fiare Galicia, e constituír así unha entidade bancaria legal.