Ademais, arredor de 25 traballadores accederon á Autoridade Portuaria onde teñen previsto pecharse.
Peche na Autoridade Portuaria
Varios dos traballadores despedidos de Termavi -catro, segundo confirmou a Vieiros o presidente do comité de empresa, Alexandro Rodríguez- comezaron unha folga de fame subidos a un guindastre de 45 metros de altura na madrugada desta cuarta á quinta feira no peirao de Guixar, no Porto de Vigo.
Ademais, arredor de 25 operarios accederon á Autoridade Portuaria de Vigo, portando varias faixas, coa intención de se pechar nas instalacións. Á media tarde desta quinta feira, dous dos despedidos permanecían na Sala de Xuntas coa porta atrancada. Afirman que manterán o peche até a resolución do conflito e en solidariedade cos compañeiros que continúan en Guixar.
O persoal desta empresa, integrada por 67 persoas, comezou esta semana un paro en solidariedade con nove traballadores despedidos pola empresa, dedicada á manipulación de colectores, dos que reclaman a súa readmisión.
Semana de mobilizacións
Durante estes días, os operarios da compañía protagonizaron concentracións con cortes de tráfico nos accesos ao peirao comercial, provocando atrasos nas operacións. Na xornada desta cuarta feira, a tensión chegou até o punto de que a Policía ameazou con cargar contra os manifestantes.
Os traballadores despedidos levaban varios anos na empresa, nalgúns casos até 20, e os representantes laborais sospeitan que detrás da decisión empresarial está a intención de externalizar os servizos e de desactivar o convenio e os dereitos laborais.