Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Este xoves e venres

Oito concentracións amosarán o apoio da cidadanía a Haidar

A saharauí foi ingresada de madrugada nun hospital de Lanzarote con fortes dores e vómitos, a petición propia.

Redacción - 09:54 17/12/2009

Concentracións en oito localidades do país amosarán o apoio da cidadanía á activista saharauí Aminetu Haidar baixo o lema "Queremos a Aminetu nun Sáhara libre". Os actos, convocados polo BNG, arrancarán este xoves ás 19:30 en Compostela e Lugo, seguidas, o venres á mesma hora, por outras na Coruña e Ferrol e mais en Pontevedra, Ourense e Vigo, ás 20 horas. Pechará a rolda A Estrada, tamén a sexta feira, ás 20:30 horas.

As concentracións de apoio pretenden chamar a atención e amosar a solidariedade do pobo galego coa loita de centos de miles de saharauís que viven exiliados en campamentos de refuxiados e fronte á represión que exerce Marrocos contra quen "ergue a súa voz fronte ao dominio colonial".

Este mércores, unha representación do Consello Local de Esquerda Unida da Coruña, encabezada pola súa coordinadora, Alba Sánchez, presentou unha moción no concello en solidariedade con Aminetu Haidar e coa causa saharauí. Esta iniciativa forma parte dunha serie de mocións que EU ten presentado en diferentes concellos do país para apoiar a activista saharauí e condenar a "complicidade das autoridades españolas na súa retención ilegal". Mugardos, Ponteareas, Lugo, A Guarda e Ferrol xa rexistraron senllas mocións de EU no mesmo senso, e seguiranlles outros concellos nos vindeiros días.

Recolleita de sinaturas
A CIG iniciou unha campaña de recollida de sinaturas entre persoas traballadoras, seccións sindicais, comités de empresa e sindicatos en solidariedade coa activista saharauí. Publicou un manifesto de apoio que se pode asinar dixitalmente na súa web.

Aminetu ingresada
A activista saharauí Aminetu Haidar pasou a noite do mércores ingresada no Hospital Doutor José Molina Orosa, en Lanzarote, despois de ser trasladada voluntariamente con fortes dores abdominaus e náuseas. Fontes da Plataforma de Apoio declararon que Haidar se atopa estábel.

A saharauí persiste na súa folga de fame, despois de 32 días. Haidar pediu o seu traslado ao centro sanitario por mor do empeoramento do seu estado de saúde, que a levou a vomitar sangue e a padecer fortes dores abdominais e náuseas. Só se lle administrou tratamento calmante.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: