Unha delegación de europarlamentarios, entre outros a galega Ana Miranda (BNG), visitaron este xoves a saharauí en Lanzarote.
Vigo acollerá este venres, a partir das 20.00 horas ante a escalinata do Museo de Arte Contemporánea (Marco), unha concentración en solidariedade coa activista do Sáhara Occidental Aminetu Haidar, que permanece en folga de fame no aeroporto de Lanzarote.
Un dos promotores da convocatoria, Lois Pérez Leira, destacou, nunha conferencia de prensa en que tamén participou o líder da FPG, Mariano Abalo, que a iniciativa conta co amparo "dun cento" de intelectuais, políticos e sindicalistas, entre outras persoas.
FPG, Movemento pola Base, PCPG e os sindicatos CIG e CUT, entre outros, expresaron o seu apoio. Tamén, segundo explicou, Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira, Carlos Taibo, Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Rivas, Víctor Freixanes ou Xesús Alonso Montero, entre outros
Así mesmo, Pérez Leira sinalou que o acto tamén servirá para pedir "o recoñecemento da República Árabe Saharauí Democrática como estado independente" e "a devolución dos territorios ilegalmente ocupados por Marrocos". O actor Antonio Durán 'Morris' será o encargado de ler un manifesto.
Os organizadores preparan novas accións alén deste primeiro acto, como a posibilidade de facer unha concentración simbólica no aeroporto de Vigo a próxima semana, ou a de apoiar a candidatura de Haidar ao Premio Nobel da Paz.
Delegación de eurodeputados en Lanzarote
Por outra banda, os eurodiputados Ana Miranda (BNG), João Ferreira (PCP), Miguel Porta (Bloco), Raúl Roneva (Verdes) e Willy Meyer (IU) visitaron este xoves a activista saharauí no aeroporto de Arrecife, en Lanzarote.
Ademais de mostrarlle o seu apoio e solidariedade, anunciaron que o vindeiro xoves solicitarán ante a cámara do Parlamento Europeo que se free o estatuto avanzado de Marrocos até que non se devolva a activista á súa casa -El Aaiun- e se cumpra co dereito internacional para a descolonización do Sáhara Occidental.
A representante do BNG, Ana Miranda, resaltou "a demostración de entereza" así como o "interese" de Haidar por obter "un tratamento internacionalizado do sucedido" e lamentou a "vulneración dos dereitos humanos" que está a sufrir. Ademais, salientou o papel desta e do seu dereito á reagrupación familiar.
João Ferreira resaltou a importancia de que o parlamento portugués dera un paso reprendendo a actitude de Marrocos.