O presidente do partido e europarlamentario, Ian Hudghton, pronunciouse deste xeito no debate desta cuarta feira en Estrasburgo.
O escocés Ian Hudghton
O presidente do SNP e representante electo do partido escocés no Parlamento Europeo, Ian Hudghton, reclamou esta cuarta feira que as institucións da UE se preparen para unha hipotética independencia de Escocia.
Hudghton realizou o pedimento durante o debate que mantivo na Cámara de Estrasburgo (unha das sedes, xunto coa de Bruxelas) co primeiro ministro sueco, Frederik Reinfeldt. O goberno sueco sustenta a Presidencia de quenda da UE deica o vindeiro 31 de decembro cando será o español quen tome o relevo.
Concretamente, o nacionalista fixo referencia a "ampliación interna" da Unión, un concepto defendido polas formacións integradas na ALE -entre estas, o BNG- polo cal os países que forman parte dos 27 estados membros seguiría a formar parte do bloque europeo unha vez acadada a independencia.
A continuación, reproducimos un extracto da intervención de Ian Hudghton:
"Represento a Alianza Libre Europea, parte do noso grupo (xunto cos Verdes) que inclúe partidos a prol da independencia de Gales, Flandres, Cataluña e Escocia. Procuramos un estatus independente polo cal as nosas nacións poidan contribuír ás xuntanzas do Consello Europeo e a eventos mundiais como a Conferencia sobre o Cambio Climático de Copenhaguen".
"O Goberno e o Parlamento de Escocia adoptaron a máis ambiciosa lexislación do mundo sobre Cambio Climático -con obxectivos de reducir emisións nun 42% para 2020 e dun 80% para 2050. Son obxectivos que pretendemos conseguir, malia que o Goberno do Reino Unido rexeitou unha petición razoábel de que un ministro escocés participase nas negociacións formais en Copenhaguen".
"Este comportamento subliña o feito de que só a través dunha nación independente normal Escocia pode contribuír como debería á comunidade internacional".
"Agardo que o Consello Europeo discuta en breve os procedementos prácticos a dar para a ampliación interna da Unión Europea, con Escocia liderando o camiño".