O 11 de setembro de 1997, o pobo escocés decidía nas urnas recuperar o seu Parlamento. 300 anos antes, as
Acts of Union certificaban a fin da Escocia independente que o fora dende o ano 843.
As cámaras inglesa e escocesa fusionábanse, xurdindo un mesmo órgano de representación (xa compartían monarca dende 1603), e nacía o Reino da Gran Bretaña (en 1800 tamén se "sumaría" Irlanda).
A coñecida como
devolution (transferencia de competencias) proposta polo novo primeiro ministro británico, o laborista Tony Blair, foi amparada por case tres cuartas partes do electorado. Ao respecto da asunción de poderes fiscais, o 63,5% tamén contestou que si.
A Cámara, que comezou a funcionar formalmente en Edimburgo dous anos despois, o 1 de xullo de 1999, asumiu a responsabilidade de lexislar en materias como sanidade, educación, vivenda, transporte, medio ambiente e medio rural.
Escocia, que goza de maior autonomía que Gales, ten a potestade de aumentar ou diminuír até un 3% o imposto sobre a renda, que fixa o Estado.
Este último mantén as competencias en relacións exteriores, comercio internacional, política monetaria, seguridade social, emprego, enerxía, impostos, transporte internacional e funcionariado.
Tamén as de defensa. De feito, Escocia alberga instalacións clave do Exército británico e da OTAN.
Pola súa banda, as autoridades locais son responsábeis de diversos servizos comunitarios, ademais de garantir a provisión necesaria para que se aprenda gaélico nas áreas onde se fala.
Escocia esta dividida en 32
council areas (comarcas) para a súa administración. A de Ghàidhealtachd (Highland, en inglés), de máis de 26 mil km2, é a máis grande, e a da cidade de Glaschu (Glasgow), con case 600 mil habitantes, a máis poboada.
Relación coa Administración estatalO xefe de Goberno de Escocia é o primeiro ministro británico, e o xefe de Estado, o rei ou a raíña de Inglaterra (monarca británico).
O goberno británico mantén unha figura que o representa en Escocia: un secretario de Estado designado en Londres polo primeiro ministro que até a devolution era a única autoridade lexislativa e executiva para Escocia (similar á figura do gobernador civil español).
O pobo escocés tamén está representado no Parlamento británico con 59 deputados na
House of Commons (cámara baixa), e cos membros da nobreza do país con dereito a se sentar na
House of Lords (cámara alta).
Esta situación, sumada ao traspaso de competencias a Escocia e a Gales, fai que moitos volvan pór enriba da mesa a coñecida como
West Lothian question.
Isto é, unha queixa pola situación actual, onde se permite que representantes escoceses e galeses voten no Parlamento británico asuntos que lle concirnen a Inglaterra, mais só eles poden decidir sobre eses mesmos temas cando atinxen os seus respectivos países.
Continuar lendo: Da 'devolution' á independencia nunha década