O xurado distinguiu nesta segunda edición a obra "Rehabilitación de vivenda unifamiliar en Porto de Bares", no municipio de Mañón.
Vivenda premiada
O xurado do Premio Rodríguez Peña de Arquitectura distinguiu, na súa segunda edición, o arquitecto Marcos Álvarez Montes, pola súa obra "Rehabilitación de vivenda unifamiliar en Porto de Bares", no municipio de Mañón.
Os membros do xurado destacaron deste proxecto a súa calidade arquitectónica e a integración no seu entorno, informaron nun comunicado, onde tamén salientaron a contribución do premio á recuperación do patrimonio do país e á súa adaptación a novos usos sen renunciar á calidade.
O premio, dotado con seis mil euros e a publicación das obras galardoadas, foi creado en 2007 pola Fundación Galiza Sempre, en colaboración coa Consellaría de Vivenda. Nesta edición, o número de candidatas duplicouse con respecto ao anterior.
Tamén foron concedidas dúas mencións, dotadas con 1.500 euros, para Marta Somoza Medina, como responsábel da obra de pavimentación e mellora de espazos libres en Santa Mariña de Augas Santas, en Allariz; e a Gonzalo Crecente Maseda e Javier Fernández Fortes, pola rehabilitación dunha casa de turismo rural en Taboada, no municipio de Silleda.