O galardón nace cando está a piques de cumprirse un ano da morte do político e arquitecto ourensán.
Cando está a piques de cumprirse o primeiro cabodano da morte de Xosé Henrique Rodríguez Peña, a Fundación Galiza Sempre, coa colaboración da Consellaría de Vivenda, veñen de crear un premio na súa memoria. Con este galardón, dotado con 6.000 euros e de periodicidade bianual, quérese lembrar o traballo do arquitecto e político ourensán.
O premio nace co obxectivo de promover a difusión do valor do patrimonio do país e propiciar o debate arquitectónico. O xurado terá moi en conta a harmonía entre a obra rehabilitada e o territorio. Nesta primeira edicion o prazo de presentación das candidaturas está aberto até o último día de outubro.