Na primeira edición, unha casa unifamiliar de Compostela fíxose cos seis mil euros polo labor de restauración do legado arquitectónico
O premio arquitectónico homenaxea a Rodríguez Peña
A segunda edición dos Premios Rodríguez Peña recoñecerá o traballo de recuperación e restauración da herdanza arquitectónica galega. As obras poderán ser presentadas até o 30 de setembro e serán valoradas segundo o seu esforzo por dotar de calidade os espazos onde se desenvolve a vida dos galegos e galegas.
Poderán optar a este premio bianual aquelas obras ou traballos de rehabilitación, restauración e recuperación do patrimonio realizadas en Galiza e que foran rematados nos dous anos anteriores á convocatoria. Os membros do xurado, entre os que se atopa Xosé Manuel Beiras, presidente da Fundación Galiza Sempre, terán en conta, entre outros valores, a harmonía entre construción e territorio e os materiais empregados.
O anterior traballo premiado foi unha casa unifamiliar restaurada por Elisabeth Abalo e Gonzalo Alonso en Santiago, na rúa San Pedro. Do mesmo xeito, o xurado decidiu outorgar outras dúas mencións, recoñecemento que non descarta levar a cabo, de novo, nesta segunda edición.
Galiza Sempre
O premio, que consta de seis mil euros e un diploma, leva o nome do arquitecto e político nacionalista falecido en 2006, como homenaxe ao seu labor social e profesional. Rodríguez Peña fora Conselleiro de Pesca a finais dos 80 no goberno tripartito presidido por González Laxe. Ademais de continuar na política, anos máis tarde, coma deputado por Ourense co BNG, especializouse en restauración do Patrimonio e participou en numerosos seminarios sobre a vivenda en Galiza ou a prol do desenvolvemento do modelo territorial galego.
A Fundación Galiza Sempre, que nace en 1999, pretende, a través destas actividades, “sumarse ao esforzo e ilusión do nacionalismo galego”. Este premio conta co apoio do Instituto Galego de Vivenda e Solo.