Extravíanse os catro tomos do procedemento aberto contra o ex-alcalde pola denuncia de acoso sexual presentada por unha funcionaria.
O ex-alcalde do Porriño, Xosé Manuel Barros, foi acusado de acoso sexual en 2002
Xa non é o primeiro caso que coñecemos do extravío, perda ou desaparición de importantes documentos que poderían comprometer o futuro dalgunhas persoas. Pasou co escrito oficial da entrega do Pazo de Meirás a Franco ou nos casuais danos que uns roedores ocasionaron en documentación contra Cacharro Pardo nos xulgados de Lugo. Agora, unha noticia semellante xorde no Porriño, onde desapareceron os catro tomos, con case dous milleiros de folios, que integraban o procedemento seguido contra o ex-alcalde do Porriño, Xosé Manuel Barros, nunha denuncia por acoso sexual formulada por unha funcionaria.
Ao parecer, a documentación desapareceu do Xulgado de Instrución número 1 do Porriño, coa curiosa circunstancia de que non foi forzada ningunha porta nin ventá das dependencias. Esta perda favorece casualmente ao imputado, segundo explica o propio avogado da acusación, Xesús Carballeda, e produciuse logo de que as pechaduras fosen cambiadas nos pasados días por mor do roubo dun bolso a unha traballadora.
O pasado 29 de outubro deuse a coñecer o auto de apertura do xuízo oral polo que Barros terá que sentarse na bancada dos acusados ante o Xulgado do Penal de Pontevedra para responder, concretamente, polos presuntos delitos de lesións contra a saúde mental, acoso sexual, prevaricación e ameazas a unha funcionaria. O avogado xa explicou que todo o procedemento está a ser "unha carreira de obstáculos".