Data do 5 de decembro de 1938 e foi asinado polo ditador no mesmo predio. Un xulgado investiga quen puido sacalo dos arquivos da Deputación da Coruña.
Hai meses que se investiga a desaparición do pergamiño oficial da entrega do Pazo de Meirás ao ditador Francisco Franco. O escrito data do 5 de decembro de 1938, foi asinado por Franco no mesmo predio do Pazo, e gardábase nun arquivo da Deputación da Coruña.
Dende o pasado mes de xaneiro, cando foi botado en falta, foi buscado por todo o predio da institución provincial, mais finalmente os feitos puxéronse en coñecemento da Fiscalía, ao tratarse dun documento pertencente ao patrimonio histórico, segundo detallaron dende a Deputación. Posteriormente, o caso pasou a un xulgado da cidade.