Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
APRÓBASE A DECLARACIÓN COMO BIC

O Pazo de Meirás abrirá ao público catro veces ao mes

Coa decisión, aprobada polo Consello da Xunta, remata o tirapuxa coa familia Franco, que estará obrigada a preservar o inmóbel.

Redacción - 11:15 30/12/2008

O Consello da Xunta aproba este martes o decreto polo que o Pazo de Meirás, en Sada, pasa a formar parte da listaxe de bens de interese cultural de Galiza, o que lle outorgará o máximo grao de protección a este edificio. En consecuencia, o edificio deberá abrirse ao público de forma gratuíta catro días ao mes; ademais, calquera intervención nel necesitará unha autorización previa por parte de Patrimonio; e, finalmente, os seus propietarios terán a obriga de coidar e preservar o inmóbel.

Ano e medio de tirapuxas
Coa decisión do Consello da Xunta e a súa posterior publicación no DOG, finaliza ano e medio de disputas legais coa familia do ditador Francisco Franco, propietaria do inmóbel dende os anos corenta, e que non deixou de poñer impedimentos para que se completasen as xestións. Os trámites iniciáronse coa solicitude do Concello de Sada, que se produciu o 9 de agosto de 2007. Para chegar á declaración de BIC houbo que superar a negativa da familia Franco, propietaria do pazo, que non permitiu a entrada dos técnicos de Patrimonio para inspeccionar o inmóbel e coñecer o seu estado. A Consellaría tivo que solicitar o amparo da Xustiza, e en marzo de 2008 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia resolveu autorizar a entrada dos técnicos. A inspección tivo lugar o 17 de abril de 2008. Unha historiadora da arte, unha arquitecta e un arqueólogo accederon ao edificio, para a continuación elaborar os informes técnicos pertinentes.

Baseándose nestes informes, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural incoou o procedemento para a declaración de BIC o 1 de agosto deste ano. A partir de entón abriuse un prazo no que se presentaron 105 alegacións, que non foron estimadas. Neste tempo consultouse a tres organismos sobre a pertinencia da declaración. Tanto a Universidade de Santiago, como o Consello da Cultura Galega e a Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario amosáronse favorábeis á consideración do Pazo de Meirás como BIC.

A declaración das Torres de Meirás como BIC coa categoría de sitio histórico baséase en que "destaca tanto pola súa singularidade como pola significación cultural e simbólica que adquiriu co paso do tempo. Ningún dos edificios de estilo similar iguala ao de Meirás en dimensións, en contexto histórico, en coherencia conceptual e en calidade formal". Na decisión tívose en conta o seu valor histórico "motivado primeiramente como soar dun antigo pazo, representativo da fidalguía galega, e ademais pola relación da nova construción das Torres con Emilia Pardo Bazán, personaxe relevante pola súa grande transcendencia, tanto literaria como social".


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: