Os veciños do Parque Natural anuncian manifestacións contra as sentenzas de derrubo dalgunhas das súas casas. Este martes iniciáronse as demolicións.
Un cento de veciños de Bueu naturais de Ons desprazáronse este martes até a Illa para tratar de impedir a demolición de tres das súas vivendas. Non foi posíbel. "Chegaron cunha orde xudicial e xa non hai marcha atrás", di Manuel Otero Acuña, propietario dun dos inmóbeis afectados. Esta situación obedece a unhas sentencias xudiciais ditadas hai catro anos e que agora executa a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), dependente da Consellaría de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio. Con todo, malia ser dúas as casas afectadas na actualidade, a decisión ameaza a outros 26 propietarios que, supostamente, acometeron obras ilegais nas súas casas.
Parque Natural e paraíso perdido dun cento de colonos
Na Illa de Ons hai actualmente 82 vivendas, se ben só oito están ocupadas durante todo o ano. A maioría dos seus censados, agrupados en organizacións veciñais, están domiciliados en Bueu, se ben acoden con moita frecuencia ó seu lugar de nacemento, principalmente no verán. Logo dun longo proceso de traspaso de propiedade do arquipélago, que pasou das mans dun particular (1929, Manuel Riobó) a ser expropiada polo Ministerio da Guerra (1941) a formar parte de diferentes organismos estatais (Colonización, Icona, Irida), dende 1984 é xestionada pola Xunta de Galiza.
Na actualidade, dado o recoñecemento do entorno como Parque Natural e a súa inclusión no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galiza (dende 2002), os donos das vivendas téñenas en propiedade en réxime de concesión administrativa. Con todo, non están autorizados a acometer ningún tipo de obras nin ampliacións dos seus inmóbeis, nomeadamente se danan o entorno ambiental. Non obstante, os veciños da Illa continuaron a arranxar as súas antigas casas, en moitos casos modificando as súas propias estruturas e ampliando as instalacións para dotalas de servizos, como cuartos de baño. Tamén hai casos de arranxo de hórreos, que mesmo no verán se converten en vivendas.
Ao longo deste tempo, a Xunta abriu 23 expedientes de infracción por obras ilegais nas diferentes propiedades de Ons. Porén, ningunha se levou a conclusión até o de agora, cando a APLU ordenou o derrubo parcial de tres inmóbeis: dúas vivendas e un bar. Os donos defenden que o único que fixeron foi "rehabilitar como espazo habitábel antigos galpóns ou cortellos".
En pé de guerra
O primeiro dos actos de protesta dos veciños celebrouse este martes na Illa, día da demolición. Un cento de persoas chegadas de Bueu participaron nunha concentración de solidariedade cos afectados. De forma pacífica e ante a presenza de membros das forzas de seguridade do Estado, os illáns opuxéronse aos derrubos con berros e pancartas. "Botaron abaixo os engadidos", di Manuel Otero. Con todo, explica que "temos o compromiso da APLU de que non nos van cobrar a nós as costas dos traballos (uns 50 mil euros)". O motivo é que os veciños asumiron eles mesmos o baleirado dos inmóbeis e mesmo parte da propia demolición.
A presidenta dunha das asociacións e familiar do propietario dun dos inmóbeis afectados, María Xosé Otero Acuña, defende aos veciños: "Nós sempre solicitamos á Administración que nos facilitaran directrices para poder acometer as obras e nunca nos dixeron nada". Ademais, acusan á Xunta de levar a cabo outro tipo de obras nos terreos da Illa de Ons, como "levantar casetas" ou mesmo asfaltar o camiño principal, unha actuación que, por outra parte, tamén foi moi cuestionada polos colectivos ecoloxistas. "As pas xa tiñan que empezar pola caseta de información do peirao", din.
Na pasada fin de semana, os veciños celebraron unha multitudinaria xuntanza en Bueu na que acordaron pasar a acción e evitar o que consideran unha agresión contra "o traballo de toda unha vida". "O único que nos queda na Illa son as nosas casas" dixeron na asemblea, "e se as tiran, xa non nos queda nada", "que teñan claro que da Illa non nos van mover, porque aquí naceron os nosos pais e aquí nos imos quedar". Ao tempo, amosaron o seu patente descontento co Goberno da Xunta: "xa non nos podemos fiar dos políticos", dixo María Xesús Otero, "había un compromiso de arranxar os temas urbanísticos e agora veñen con isto; e ademais o PP, que ten o apoio maioritario dos veciños de Ons".
Logo da demolición, os manifestantes volveron para Bueu e dirixíronse ao Concello coa pretensión de falar co alcalde, Félix Juncal (BNG). "Queremos ver de que lado está", di a Vieiros Manuel Otero, ao temo que adianta que os veciños de Ons continuarán as súas mobilizacións. A previsión é que convoquen manifestacións en Santiago e en Vigo, onde ten a súa sede o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas. As datas decidiranse nos próximos días.