Avoga por que goberne a forza máis votada, despois da moción de Porto do Son. As outras nove producidas dende 2007 beneficiaron os populares.
Concello da Veiga, que volverá ás mans do PPdeG o 27 de novembro
Arrebatar, segundo o dicionario da RAG, significa "quitar con violencia". O PPdeG asegurou este domingo que os pactos municipais entre "forzas políticas perdedoras", como o que se materializou o mércores en Porto do Son, "arrebatáronlle" 53 alcaldías onde "gañaron" as eleccións de 2007. Segundo os datos citados polo partido, os populares foron os máis votados en 216 concellos, dos que en 152 acadou a maioría absoluta, porén "só" gobernan en 163, o que, aínda así, supón o 51,4% do total do país.
A formación conservadora salienta que tanto a moción de censura de Porto do Son, xunto con outras alianzas do PSdeG, do BNG e doutros partidos "privaron" o PPdeG de gobernar en máis de medio cento das alcaldías. Para os populares, este tipo de alianzas son unha "fraude" para a cidadanía, pois "rouban a vontade dos votantes ao non reflectiren o sentir da maioría".
A postura do PPdeG é que en cada concello goberne o partido político máis votado, independentemente de que levase ou non a maioría absoluta, para evitar "incómodas situacións" para a cidadanía e "coalicións de perdedores con ideas que non comungan entre si". Ademais salienta os casos de Noia, Vilariño de Conso, Santa Comba ou Láncara, gobernados por coalicións que "acabaron rompendo ou censurando" a causa do "desgoberno".
Quizais para compensar esa 'inxustiza', o Partido Popular de Galicia -ou edís que se presentaron nas súas listas- 'recuperou', dende 2007, mediante mocións de censura, os concellos de Santa Comba, Trives, Mos, Abegondo, Gondomar, Silleda, Láncara, Folgoso e, agora, A Veiga, apoiándose en tránsfugas ou en cambios repentinos de alianzas de goberno.