Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CAMBIOS DE GOBERNO

Folgoso, a oitava moción de censura

A nova alcaldesa, Dolores Castro (elixida polo PPdeG), apóiase nun tránsfuga socialista para quitarlle a alcaldía a Xosé López Fontal (PSdeG).

Redacción - 13:30 24/10/2009

Volve prosperar unha moción de censura, e xa van oito. Mudanzas estratéxicas, apoios interesados e cambios de opinión varios fixeron que no que levamos de lexislatura oito concellos trocasen o seu alcalde. O último destes episodios (logo dos vividos en Santa Comba, Trives, Mos, Abegondo, Gondomar, Silleda e Láncara) foi o vivido este sábado en Folgoso do Courel. A cabeza de lista do PPdeG nas pasadas eleccións municipais, Dolores Castro, fíxose co bastón de mando logo de apoiarse nun tránsfuga socialista.

O pequeno municipio, que non conta con máis de 1.300 habitantes, viviu unha intensa xornada de debate político e un inusual balbordo, en vista da asistencia de público coa que contou a sesión plenaria. Tanto o salón de plenos como os corredores anexos quedaron pequenos para acoller a cantidade de xente que se achegou até o concello. Ademais, a executiva provincial socialista acudiu ao completo co propósito de apoiar ao alcalde saínte, Xosé López Fontal (PSdeG).

Transfuguismo
As eleccións municipais outorgaron o goberno local ao PSdeG, que acadara cinco concelleiros, fronte ao PPdeG, que se quedou con catro. Con todo, logo dos resultados dos comicios galegos e coa caída do goberno bipartito, un dos edís socialistas, o doutor Manuel Bouza Caro, optou por abandonar a disciplina do partido co que obtivera a acta de concelleiro e pasou ao grupo de non adscritos.

Nesta situación, os catro edís do PPdeG, encabezados por Dolores Castro, negociaron unha moción de censura co tránsfuga. A dirección do partido na provincia de Lugo desautorizou esta manobra política, se ben dixo "entender" os motivos dos seus compañeiros, e aceptou a solicitude de baixa de militancia dos concelleiros díscolos. Así as cousas, a nova alcaldesa gobernará agora en representación doutra formación creada para a ocasión: Alianza polo Courel.

Pola súa parte, o rexedor saínte, Xosé López Fontal, abandonou o salón de plenos asegurando que con esta manobra "se secuestra a vontade do pobo" e anunciou que a súa intención é volver a presentarse nas eleccións de 2011.


Ligazóns

3/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: